O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, acompañado polo secretario xeral da Lingua, participou na presentación que se fixo a escolares en Santiago de Compostela
A Xunta e a CRTVG potencian contidos audiovisuais en galego dirixidos á infancia coa plataforma Xabarín.gal
VolverDeclaracións do conselleiro
López Campos destaca esta medida dentro das 50 inmediatas do Goberno autonómico para incrementar o uso social e prestixio da nosa lingua
Pon en valor o emprego deste referente televisivo “popular” entre os pais e nais que propicie o achegamento familiar a esta programación con centos de horas en galego
Súmase a outras iniciativas encamiñadas a maior presenza do galego nas tecnoloxías e espazos dixitais nos que se moven as xeracións máis novas
Santiago de Compostela, 18 de decembro 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na presentación das novidades de Xabarín.gal, unha nova plataforma de entretemento da CRTVG de contidos en galego dirixidos aos máis pequenos e pequenas coa que colabora o Goberno galego co obxecto, segundo salientou, “de incrementar o emprego da nosa lingua entre as xeracións máis novas”.
“Apostamos por vencellar o uso do galego con referentes de entretemento da nosa cativada como estratexia eficaz e de éxito”, explicou o conselleiro na presentación que da nova programación se fixo ante 200 escolares do colexio compostelán Pío XII e que forma parte da campaña O novo universo Xabarín. Esta iniciativa da CRTVG, coa que colabora a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, está dando a coñecer esta plataforma de contidos por centros de Educación Infantil e de Primaria das principais cidades de Galicia.
Acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, o titular de Cultura da Xunta puxo en valor o papel desta campaña, xa que permite “popularizar” esta plataforma entre as familias galegas para “favorecer o consumo de contidos audiovisuais en galego nas idades máis temperás” o que propicia, segundo explicou, ”un efecto contaxio e de prestixio no seu uso entre os nosos pequenos e pequenas”.
“Referente televisivo popular e querido”
Neste senso, salientou o feito de que este repositorio de contidos audiovisuais en galego tamén conta cunha aplicación móbil e tira proveito “dun dos referentes e personaxes televisivos máis querido e populares de Galicia para moitos pais e nais, que de seguro propician un achegamento afectivo e en familia a estes contidos”.
Precisamente, destacou a “ampla oferta de centos de horas de contido en galego para a cativada” que abranguen música, cancións e series de debuxos animados como Bibopalula, a primeira serie musical de debuxos en galego, na que participa a Xunta de Galicia, O cordeiro Shaun ou O diario de Alice. “Contidos que adobían lecer, entretemento e aprendizaxe a través do galego, demostrándolles os nosos pequenos e pequenas canta diversión e de calidade está vencellada á nosa lingua”, asegurou.
Plan con medio cento de medidas de cara a 2025
López Campos enmarcou esta medida dentro do Plan de medio cento de medidas inmediatas para potenciar o emprego do galego de cara a 2025. Neste senso, lembrou outras encamiñadas ao aproveitamento das tecnoloxías e os espazos dixitais nos que se move a xente máis nova co fin de dinamizar a lingua galega nesta parte da poboación e “mostrarlle a utilidade de coñecer o galego e potenciar así o seu uso neste colectivo”.
Consecuentemente, aclarou que ademais de continuar traballando no Proxecto Nós para impulsar o galego no ámbito da Intelixencia Artificial, avanzarase na creación de novos produtos tecnolóxicos especialmente pensados para o público infantil e xuvenil, así como na colaboración con creadores de contido que axuden a favorecer a creación de vínculos entre a lingua galega e as xeracións máis novas.
O conselleiro apuntou que as novas propostas nas que traballa a Xunta de Galicia súmanse ás que están xa en marcha dirixidas a xente moza ou a cativada por parte da Secretaría Xeral da Lingua como os programas de FalaRedes, Nadal en Rede, o de 21 Días co galego e+ ou a posta en marcha de concursos e premios no eido da lingua galega.