Os conselleiros de Cultura, Lingua e Xuventude e de Sanidade presentaron as novas iniciativas deseñadas ao abeiro do Pacto pola Lingua
A Xunta ofrecerá en 2025 cursos de lingua para sanitarios co fin de incrementar o seu uso e mellorar a atención a pacientes
VolverAs actividades formativas estarán especialmente deseñadas para persoal sanitario e potenciaranse coa concesión dun punto na carreira profesional
A batería de propostas inclúe tamén a revisión da documentación para que estea asegurada a oferta en galego ou o envío de circulares a todo o persoal
López Campos destaca que estas accións son posibles grazas “á colaboración entre distintos departamentos para prestixiar a lingua en toda a sociedade”
Santiago de Compostela, 20 de decembro 2024 Os conselleiros de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presentaron hoxe as novas medidas que a Xunta de Galicia porá en marcha nas vindeiras semanas para incentivar o uso da lingua galega no ámbito sanitario, entre as que destacan os cursos de galego que o Servizo Galego de Saúde incluirá en 2025 no seu plan de formación para mellorar a atención a pacientes galegofalantes. Esta é unha das primeiras accións deseñadas polo Goberno galego ao abeiro do Pacto da Lingua coa finalidade de impulsar e prestixiar o idioma en diferentes ámbitos da nosa sociedade.
Neste senso, o responsable da Lingua da Xunta apuntou que estas iniciativas son posibles grazas á “colaboración cos distintos departamentos do Executivo autonómico para incidir en todos os escenarios posibles nos que poidamos chegar á poboación para prestixiar e normalizar o uso social do galego”. Así, tal e como destacou, a posta en marcha de medidas específicas en eidos como o da sanidade ou o da xustiza “son algunhas das actuacións inmediatas que estamos sacando adiante para impulsar o idioma e que se complementarán ao longo destes meses con outras accións que requiren de máis tempo de elaboración para que funcionen”. Nesta liña, lembrou que, ademais de incidir no persoal sanitario, “tamén se chega aos usuarios debido á consideración social que teñen estes servizos entre a sociedade”.
Pola súa banda, o titular de Sanidade remarcou que o Servizo Galego de Saúde xa proxecta nos centros sanitarios a campaña Saca a lingua que levas dentro, impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, coa cal se busca dar visibilidade ao uso do galego tanto por parte dos profesionais como dos usuarios.
“A lingua é un elemento importante para ofrecer unha atención sanitaria de calidade porque permite conectar coas persoas dun xeito máis próximo e humano”, sinalou Gómez Caamaño.
A batería de propostas que se activará inclúe desde cursos ata a revisión da documentación para que estea asegurada a oferta en galego. Así, a Administración autonómica ofrecerá cursos, en modalidade de autoformación, para reforzar o coñecemento do léxico relacionado coa sanidade e potenciar a interacción con pacientes galegofalantes. Trátase dunha proposta dirixida especialmente ao persoal sanitario non galego que careza do título acreditativo de coñecemento da lingua e potenciarase coa concesión dun punto na carreira profesional.
Ademais desta iniciativa, o Goberno galego tamén revisará todo tipo de documentación posta á disposición dos usuarios, así como a sinaléctica provisional colocada polo persoal dos centros, para asegurar que o seu contido figure en galego. Isto compleméntase co envío de directivas e circulares que lembren a todo o persoal que a lingua preferente de atención e uso será a galega.
Por outro lado, as novas accións deseñadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xunto coa de Sanidade tamén pretenden garantir a instalación en lingua galega de todos os contidos dixitais que se exhiben nos centros sanitarios, incluídos os de procedencia foránea.
Todas elas son medidas incluídas pola Xunta para a actualización prevista do Plan xeral de normalización da lingua galega, unha das propostas principais que se lles formulou aos grupos parlamentarios nos encontros mantidos durante as pasadas semanas no marco das conversas para acadar un Pacto pola Lingua.
Renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega
A renovación do Plan de normalización da lingua galega correspóndese coa necesidade de adaptar as actuacións á realidade social, demográfica e lingüística actual de Galicia abranguendo moi diversos eidos e potenciando o uso do galego entre a poboación nos distintos ámbitos sociais, sectores profesionais, entre as persoas chegadas de fóra, entre a mocidade e, en xeral, na vida cotiá.
Así, as medidas que se están a poñer en marcha e as que se desenvolverán nos vindeiros meses teñen que ver coas relacións nas administracións, co fomento de accións transversais no eido familiar e entre a mocidade, co aumento da presenza da lingua galega nos medios de comunicación e nas industrias culturais, con intervencións que van desde as crenzas relixiosas e os servizos sociais, ata o deporte, o asociacionismo, o turismo ou o lecer. Tamén se fai especial fincapé na proxección do galego no exterior con medidas que se estenden a outros territorios limítrofes con Galicia e ás colectividades galegas asentadas en distintos países do mundo.
Xunto con estes cambios no Plan xeral de normalización da lingua galega, cómpre lembrar que o documento de base do Pacto pola Lingua presentado pola Xunta ten en conta outros puntos como son manter unha senda de crecemento orzamentario para a política lingüística, colaborar coa CRTVG como catalizadora da lingua, ou seguir as recomendacións para Galicia da Carta Europea das linguas.