O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude reuniuse hoxe coa Mesa pola Normalización Lingüística no marco da rolda de contactos do Pacto pola Lingua
A Xunta presentará este xoves os coordinadores dos grupos de traballo para renovar o Plan xeral de normalización da lingua galega
Volver“Trátase dun chanzo importante de cara a avanzar nun novo escenario para o noso idioma”, enxalza López Campos, quen salienta que “se cumpre coa palabra dada”
O responsable de Lingua do Goberno galego lembra que estas comisións teñen como obxectivo actualizar o plan á realidade social, demográfica e lingüística
Estase ante una das medidas nas que se asenta o documento inicial presentado polo Executivo autonómico nas primeiras conversas con forzas políticas e institucións
Santiago de Compostela, 23 de decembro 2024
A Xunta presentará este xoves, día 26, as persoas coordinadoras das comisións de traballo, que van ser as encargadas de renovar o Plan xeral de normalización da lingua galega. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, quen puxo en valor estas designacións e xuntanza como “primeiro e imprescindible paso” para a posta en marcha destes grupos de traballo.
“Trátase dun chanzo importante de cara a avanzar nun novo escenario para o noso idioma”, subliñou López Campos, tras a reunión mantida co presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceiras, no marco da rolda de contactos con diferentes institucións e entidades sociais de cara a un Pacto pola Lingua. Precisamente, entre as institucións relevantes coas que xa se produciron estas reunións están o Consello da Cultura Galega ou a Real Academia Galega. A estes encontros débense sumar os mantidos con editoriais históricas como Galaxia e con representantes do ámbito eclesiástico, da xustiza e tamén os de carácter interdepartamental, como coa Consellería de Sanidade, para perfilar e fixar xa accións concretas de impulso do galego nestes eidos.
O responsable de Lingua do Goberno galego considerou que, tanto co encontro de hoxe coa Mesa, como coa reunión do vindeiro xoves dos coordinadores das comisións, a Xunta demostra que “traballa arreo” e que “cumpre coa palabra dada”, con respecto ao “obxectivo comprometido, desde un primeiro momento, de impulsar o prestixio e uso social do galego, que pasa por actualizar ese plan e adaptalo á realidade dos nosos días”, aseverou.
Neste sentido, salientou que, desde as primeiras xuntanzas tanto coas institucións relevantes vencelladas co idioma e cultura galegas, como cos diferentes partidos políticos, o Goberno galego mantivo unha “actitude construtiva e en positivo”. Así, lembrou que a Xunta foi a primeira en propoñer a creación destes grupos de traballo “ao que lle segue agora a designación dos seus coordinadores”.
Acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, o conselleiro asegurou que a elección destas persoas “está avalada pola súa valía, tanto pola súa formación académica como pola súa experiencia profesional vencellada sempre á área de traballo en cuestión na que desenvolverán esta importante labor de coordinación”.
Finalmente, adiantou que á designación destes coordinadores “seguiralle inmediatamente” a configuración con todas as persoas membros para cada un dos grupos de traballo. Trátase, segundo apuntou, de perfilar comisións con especialistas en cada unha das áreas temáticas que traballarán na revisión e posta ao día do plan.