O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, acompañado polo secretario xeral da Lingua, reuniuse hoxe na Cidade da Cultura cos responsables das comisións de traballo

A Xunta inicia a renovación do Plan xeral de normalización da lingua baixo a coordinación do académico Manuel González

López Campos enxalza esta elección por ser unha “figura de prestixio” e “autoridade indiscutible na materia” que conta con “experiencia e consenso sen fisuras”

"Cúmprense cos prazos comprometidos polo Goberno galego de cara a avanzar nun novo escenario para o noso idioma”, celebrou o responsable de Lingua do Goberno

Lembra que estes equipos teñen como obxectivo actualizar o plan á realidade social, demográfica e lingüística dos nosos días

Estase ante una das medidas nas que se asenta o documento inicial do Pacto pola lingua, presentado polo Executivo autonómico ás forzas políticas e ás institucións

Santiago de Compostela, 26 de decembro 2024

A Xunta de Galicia iniciou hoxe o proceso para renovar o Plan xeral de normalización da lingua galega coa elección de Manuel González, como coordinador, e a celebración da primeira xuntanza de traballo cos responsables das comisións encargadas de renovar o documento. Con todos eles reuniuse esta tarde no Edificio Fontán o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, quen celebrou que, deste xeito, “se cumpren cos prazos comprometidos polo Goberno galego de cara a avanzar nun novo escenario para o noso idioma”.

Neste sentido, López Campos salientou que a designación deste coordinador e dos responsables de cada unha das áreas sectoriais tiña que ser “o primeiro e imprescindible paso” para a posta en marcha destas comisións que “van estar guiadas por unha figura de prestixio e autoridade indiscutible na materia, como é Manuel González”.

Precisamente, o responsable de Lingua do Goberno galego puxo en valor “o respaldo e  consenso sen fisuras” ao redor de Manuel González como coordinador destes grupos de traballo, un labor que xa desempeñou con éxito durante a primeira redacción do plan. A respecto, considerou este apoio un “bo sinal” de cara á consecución de acordos no “obxectivo común, e compartido por todos, de impulsar o prestixio e uso social do galego, que pasa por actualizar ese plan e adaptalo á realidade social, demográfica e lingüística dos nosos días”.

O conselleiro salientou a “brillante traxectoria e formación” de Manuel González, “que o converteron no candidato máis axeitado para o importante papel que vai desenvolver”. Neste sentido, lembrou que, ademais de membro de número da Real Academia Galega,  é coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades, na época de Goberno de Manuel Fraga, no que se aprobou o Plan xeral de normalización da lingua galega, así como catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela, membro do Instituto da Lingua Galega de distintas institucións europeas de estudos lingüísticos así como promotor de .Gal.

López Campos incidiu en que, coa posta en marcha hoxe destes equipos sectoriais, a Xunta demostra ser un “interlocutor máis que fiable”. Nesta liña, salientou que, desde as primeiras xuntanzas tanto coas institucións relevantes vencelladas co idioma e cultura galegas, como cos diferentes partidos políticos de cara á consecución dun Pacto pola lingua, o Goberno galego mantivo unha “actitude construtiva e en positivo”. Así, subliñou que a Xunta foi a primeira en propoñer a creación destes grupos de traballo “ao que lle segue agora o gran pulo e avance que supón a designación do seu coordinador e dos responsables sectoriais”.

Coordinadores das comisións de traballo

Deste xeito, os responsables destas comisións de traballo son a doutora de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela Diana Santiago, a profesora da Universidade de Vigo Edita de Lorenzo, o experto promoción da lingua galega na universidade e en formación de adultos Manuel Núñez, o presidente da Asociación de funcionarios pola normalización lingüística e avogado Xoaquín Monteagudo, o catedrático de Lingua e Literatura galegas Armando Requeixo, a presidenta  do Museo do Pobo Galego e profesora da Facultade de Medicina Concha Losada, a produtora e avogada Patricia Hermida, o presidente do Foro Enrique Peinador e recoñecido promotor da lingua galega en distintos ámbitos Xosé González, a sanitaria e escritora infantil Rosalía Morlán, a presidenta da Fundación Vicente Risco, Celia Pereira, e o experto en relacións exteriores Xosé Lago.

Acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, o conselleiro garantiu que a elección de todos os membros destes equipos “está avalada pola súa valía, tanto pola súa formación académica como pola súa experiencia profesional, vencellada sempre á área de traballo en cuestión na que desenvolverán este importante labor de coordinación”.

Finalmente, López Campos adiantou que, tras esta designación do coordinador e dos responsables sectoriais, “activaranse inmediatamente” as respectivas comisións co traballo de todas as persoas membros que van completala. Estarán configuradas, segundo precisou, con perfís profesionais especializados en cada unha das  áreas temáticas que “se implicarán activamente na revisión e posta ao día do plan”. “Cumprimos coa palabra, cumprimos cos prazos e estou convencido de que, entre todos, cumpriremos co que nos exixe a nosa lingua”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude

Tema: Lingua