O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na reunión anual do Consello de Membros desta rede
A Rede de Dinamización Lingüística suma 254 entidades tras incorporar oito novos concellos
VolverNa cita participaron representantes de administracións locais, provinciais e autonómicas, así como de mancomunidades e asociacións
O encontro serviu para facer balance da actividade levada a cabo durante o ano 2024 e presentar as principais liñas de traballo para 2025
Os novos proxectos para o vindeiro exercicio inclúen propostas no ámbito do deporte, o lecer, a familia, a tecnoloxía ou as persoas non nacidas en Galicia
Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2024
A Rede de Dinamización Lingüística acaba de incrementarse ata as 254 entidades, tras incorporar oito novos concellos. Así se deu conta na reunión anual do Consello de Membros, celebrada onte en Santiago de Compostela e na que participou o secretario xeral da Lingua, Valentín García. Este encontro, ao que asistiron representantes das entidades que conforman a rede e entre as que se inclúen administracións locais, provinciais e autonómicas, así como de mancomunidades e asociacións, serviu para facer balance da actividade levada a cabo durante os últimos 12 meses e presentar as principais liñas de traballo que se porán en marcha en 2025.
Durante o encontro, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, agradeceu o traballo feito nos últimos meses, así como a colaboración dos membros da Rede “na dinamización da lingua galega”. “Desde a Xunta de Galicia levamos meses traballando nun gran pacto social no que necesitamos a implicación de todos para impulsar e prestixiar o uso do galego”, salientou Valentín García antes de lembrar que esta mesma semana iniciouse o proceso para actualizar o Plan xeral de normalización da lingua galega co nomeamento dos coordinadores dos grupos de traballo.
“Esta medida, que contará cun proceso colaborativo, compleméntase coa posta en marcha de medidas inmediatas que permitan favorecer o uso do galego”. Trátase, tal e como explicou, de propostas que están moi vencelladas aos novos proxectos que se porán en marcha desde a Rede de Dinamización Lingüística o vindeiro ano e que incidirán en ámbitos como o deporte, o lecer, a familia, as tecnoloxías ou as persoas non nadas en Galicia.
Ademais, na sesión levada a cabo no Pazo de San Roque tamén se ratificou a entrada na Rede dos concellos ourensáns de Vilar de Santos, Riós e Sandiás; dos lugueses Begonte, Abadín e Ribadeo, e dos pontevedreses de Catoira e Fornelos de Montes. Con estas novas incorporacións, o número total de entidades participantes no proxecto de promoción social do galego alcanza xa as 254 entidades entre as que se inclúen concellos, deputacións, mancomunidades, asociacións, fundacións ou organismos como o Consello da Cultura Galega, a Federación Galega de Municipios e Provincias ou os Grupos de Desenvolvemento Rural.
A Rede de Dinamización Lingüística é un proxecto impulsado polo Goberno galego no ano 2010 co obxectivo de establecer e consolidar vías estables de colaboración, cooperación e coordinación entre as administracións local e autonómica para ampliar os usos da lingua galega, incrementar o seu prestixio e favorecer a súa visibilidade nos distintos ámbitos sociais son os seus principais propósitos.