A Xunta aumenta un 29 % as axudas a proxectos para fomentar o galego no ensino preuniversitario

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destinará preto de 500.000€ a actividades que permitan dinamizar o uso da lingua en actividade extraescolares

Priorizaranse os proxectos con tecnoloxías da información e da comunicación, a creación de páxinas web, blogs e Redes Sociais e programas de radio ou televisión

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2025

A Xunta de Galicia acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas a proxectos para o fomento do galego no ensino preuniversitario dotadas con preto de 500.000 euros, que supón un incremento de case o 29 % con respecto ás do pasado ano.

Esta liña de axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten como obxecto contribuír ao financiamento das actividades que realizan os equipos de dinamización da lingua e o profesorado responsables de deseñar un programa de fomento da lingua en cada centro educativo, co obxecto de que se consiga dinamizar o uso do galego nas actividades extraescolares e complementarias.

O prazo para que presente os seus proxectos abre mañá, sábado, e contarán cun mes para entregar a documentación na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para optar ás axudas, os equipos ou profesores encargados da dinamización da lingua galega deberán presentar os seus programas, que serán posteriormente valorados e puntuados para a determinación das contías. A cantidade máxima que poderá percibir un centro varía entre os 270 e os 1200 euros.

Criterios de valoración

Os criterios de valoración dos proxectos inciden no grao de implicación dos diferentes membros da comunidade educativa (profesorado, alumnado, familias, persoal de administración e servizos) e tamén na utilización que se faga das tecnoloxías da información e da comunicación. Deste xeito, o baremo de puntuación terá en conta a creación e actualización de páxinas web, de blogs e de contas en redes sociais.

De igual forma, priorizaranse as actividades con códigos QR, realidade aumentada, aplicacións para móbiles, ordenadores ou tabletas, radio ou TV con emisión de maneira puntual. Nesta liña, valoraranse a creación de revistas dixitais e obradoiros relacionados coas novas tecnoloxías, como robótica e gamificación, e tamén a realización de curtas ou documentais, a posta en marcha dunha radio diaria ou semanal na aula, ou programas de  televisión.

Engádense a estes criterios de puntuación a variedade de actividades propostas e o feito de que os proxectos establezan colaboración con outros centros de ensinanza e mais con entidades, institucións e asociacións externas ao colexio ou instituto para a realización de accións plurianuais.

Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude

Tema: Cultura, Lingua