A Xunta e Agadea convocan o IV Premio de Literatura Infantil ‘Simbad para o Recordo e o Alzhéimer’
VolverO secretario xeral da Lingua participa na presentación deste certame que busca concienciar sobre as enfermidades que implican a deterioración cognitiva
Os participantes teñen ata o 1 de xullo para presentar os seus orixinais, que poderán pertencer a calquera xénero propio da literatura infantil
Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación da IV edición do Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer que conta co apoio da Xunta de Galicia, co obxectivo de sensibilizar sobre esta doenza entre a cativada e establecer vínculos a través da literatura entre as distintas xeracións.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, salientou a consolidación deste certame e animou a todos os creadores e creadoras a “participar neste proxecto que, a través destas obras, busca conectar ás xeracións máis maiores, que son as que sofren dunha maneira máis acusada estas doenzas, coa rapazada, a quen se dirixen os traballos presentados”. Deste xeito, fixo fincapé en que, este tipo de iniciativas, “pretenden potenciar a transmisión interxeracional da lingua e a interacción entre as xeracións de maiores e os máis novos”.
Na rolda de prensa, que tivo lugar no pazo de San Roque, tamén participaron a presidenta de Agadea, Isabel Gey, e os escritores Francisco Castro e Ánxela Gracián, padriño e secretaria do Premio, respectivamente.
Promoción da literatura en galego
O Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer, no que colabora a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, parte da inspiración dunha obra pioneira neste campo en Galicia, Chamádeme Simbad (2009), de Francisco Castro, e busca sensibilizar sobre as devanditas enfermidades, así como promover a literatura infantil e xuvenil en galego.
As persoas interesadas en participar deben ser maiores de 18 anos e poderán enviar os seus textos inéditos desde hoxe ata o 1 de xullo. A temática das obras, que poderán ser novela, poesía, álbum ilustrado ou novela gráfica, terá que estar relacionada co alzhéimer, a memoria e os recordos, a sensibilización das demencias, as persoas anciás, as actividades interxeracionais, as persoas coidadoras ou demais temáticas arredor destas doenzas.
O galardoado, que recibirá 3.000 euros e terá a posibilidade de ver publicada a súa obra, será anunciado en setembro co gallo do Día Mundial do Alzhéimer e unirase a Raquel Castro, Ignacio Vidal, Irene Alonso e Ángela María Curro, galardoados nas tres primeiras edicións deste premio. As bases completas da convocatoria e o proceso de participación poderán consultarse no Portal da Lingua Galega.