O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, acompañado polo secretario xeral da Lingua, presentou hoxe os principais datos deste primeiro documento

A Xunta entrega os primeiros documentos de traballo ao coordinador do Plan xeral de normalización da lingua galega

Volver

Declaracións do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude

López Campos sinala que a Enquisa sobre a percepción social do galego servirá como “ferramenta de traballo xunto cos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística e as recomendacións da Carta Europea”

O estudo está composto por 1200 enquisas a pais e nais con rapaces en idade escolar co fin de ampliar o coñecemento sobre a situación da lingua galega na sociedade

Os resultados amosan unha gran diversidade lingüística, xa que a maioría das familias empregan o galego, o castelán e outras linguas nas interaccións cos seus fillos

No relativo ao ensino, recóllese que o 55,2% non faría cambios e que oito de cada 10 están satisfeitas, moi satisfeitas ou non ven problema no uso do galego nas aulas

Santiago de Compostela, 6 de febreiro 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, entregou hoxe ao coordinador do Plan xeral de normalización da lingua galega, Manuel González, os resultados da Enquisa sobre a percepción social do galego elaborada polo Instituto Sondaxe e que serán remitidos ás comisións do Plan “como ferramenta de traballo co obxectivo de ampliar o actual coñecemento sobre o uso e presenza do galego na sociedade”.  Trátase dun estudo composto por 1200 enquisas a familias residentes en Galicia con fillos en idade escolar nas etapas de primaria e secundaria. 

Acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o coordinador do Plan, Manuel González, o representante autonómico precisou que este informe servirá como punto de partida nas comisións xunto cos datos da Enquisa estrutural a fogares, coñecemento e uso do idioma galego do Instituto Galego de Estatística e as recomendacións para Galicia da Carta Europea das Linguas Minoritarias. “No Goberno galego temos vontade de escoitar e así se reflicte nas xuntanzas que levamos feitas ata o momento ao abeiro do Pacto da Lingua ou na elaboración desta enquisa para coñecer cal é a situación do galego”, sinalou López Campos.

Neste senso, precisou que se trata dunha ampla mostra que reflicte a diversidade lingüística da nosa mocidade. “Só o 30% das familias manifesta que os mozos prefiren usar só o castelán e que a maioría emprega indistintamente o galego, o castelán ou outras linguas nas súas interaccións”, destacou o conselleiro antes de engadir que o galego “é un idioma amplamente coñecido entre os nenos e nenas”, xa que practicamente a totalidade dos pais e nais afirman que os seus fillos saben falalo. Así mesmo, o 67,5% das familias enquisadas sinalan que os rapaces “empregan a lingua galega de xeito cotián”.

Discriminación de idiomas

Outra das variables que analiza a enquisa entregada ao coordinador do Plan é a crenza de se existe algún idioma discriminado en Galicia. O resultado é que unha ampla maioría das familias residentes na nosa Comunidade consideran que non existe ningún idioma discriminado e que existe un alto grao de cordialidade entre ambas linguas. Proba disto é que o 77% dos enquisados manifesta responder en galego cando se dirixen a eles nesa lingua, mentres que o 83,7% empregan o castelán cando lles falan nese idioma.

No relativo ao ensino, recóllese que, en xeral, as familias galegas están satisfeitas ou moi satisfeitas co uso do galego no sistema educativo. Así, o sinalan o 62,8% das familias enquisadas. Ademais, oito de cada dez amósanse satisfeitas, moi satisfeitas ou non ven problema no uso da lingua nas escolas. Trátase dun grao de satisfacción que, no caso das familias galegofalantes, sitúase nun 6,51 sobre dez, mentres que nas que empregan o castelán de xeito cotián está nun 6,40 e nun 6,07 entre os que usan ambas linguas indistintamente.

Por último, en canto ás preferencias de uso do idioma no ámbito escolar, a maioría das familias consultadas, un 55,2%, consideran que a situación actual do uso do galego no sistema educativo debería manterse sen cambios. Neste marco, só unha minoría opina que se debería impartir máis materias en galego ou seguir un modelo de inmersión lingüística.

Propostas para fomentar o uso do galego

A Enquisa sobre a percepción social do galego pon de manifesto tamén unha serie de propostas feitas polos enquisados para fomentar o uso do galego en toda a sociedade que se lle trasladarán tamén ás comisións do Plan xeral de normalización da lingua galega de cara a súa renovación. Trátase de facilitar a aprendizaxe do galego entre as persoas nacidas fóra de Galicia, o fomento e a inclusión do galego en videoxogos e aplicacións educativas, a organización de concursos para que os nenos e nenas creen contido en galego e a promoción de series e programas en plataformas como Youtube ou Twitch.

Departamento: Tema: Lingua