A Xunta incrementa as prazas e os cursos de preparación para obter os certificados de lingua galega

Volver

A convocatoria enmárcase no compromiso do Goberno autonómico coa promoción e o impulso do coñecemento do galego

Ofértanse 1.750 prazas e 50 cursos titorizados, 14 presenciais e 36 en liña, para os niveis Celga 2, 3 e 4

As solicitudes estarán abertas desde mañá ata o 28 de febreiro a través da plataforma de teleformación da Secretaría Xeral da Lingua

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2025

A Xunta de Galicia continua co seu compromiso no impulso da lingua galega incrementando o número de prazas e de cursos de preparación para obter os certificados de lingua galega para este 2025. No marco do proceso iniciado ao abeiro do Pacto pola lingua, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca promover o uso e o aprendizaxe do galego a través desta convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia.

En total, o Goberno galego oferta 50 cursos titorizados, 14 presenciais e 36 en liña, para preparar as probas de obtención dos certificados en lingua galega nos niveis Celga 2, 3 e 4, o que supón un total de 1.750 prazas. As persoas interesadas poderán inscribirse nun único curso e presentar as súas solicitudes de inscrición a través da plataforma de teleformación da Secretaría Xeral da Lingua, desde mañá ata o 28 de febreiro.

Proba de nivel

Desde o ano pasado, e co fin de conseguir o rendemento axeitado do curso, a cada persoa interesada que solicite o curso no que desexa inscribirse, o sistema pediralle que realice unha proba de nivel para verificar cal é o nivel que mellor se adapta aos seus coñecementos previos.

 da lingua galega. O resultado positivo da proba actuará como criterio de preferencia á hora de asignar as prazas do curso. As persoas que, doutra banda, non superen a proba, poderán inscribirse igualmente no dito curso, se ben non terá preferencia na asignación das prazas. No caso de que algún dos cursos teña máis solicitantes ca prazas, a asignación será por sorte e tendo en conta os resultados da proba de nivel.

Cursos titorizados

Cada curso terá unha duración de 70 horas e a as datas de realización van do 17 de marzo ata o 8 de maio. Os presenciais terán lugar en distintos centros de ensino das sete cidades galegas e na Casa de Galicia en Madrid. Pola súa banda, os impartidos en liña, realizaranse a través da plataforma de teleformación da Secretaría Xeral da Lingua.

 Os cursos teñen carácter gratuíto e non xeran por si mesmos dereito a ningún tipo de certificación, pois están destinados á preparación das probas conducentes á obtención dos certificados de lingua galega Celga.

Promoción da lingua galega

Con este tipo de convocatorias, a Xunta de Galicia continúa impulsando actividades que promovan o uso do galego en distintos sectores da sociedade, todas elas enmarcadas no proceso iniciado o ano pasado no marco do Pacto pola lingua e ao abeiro da campaña Saca a lingua que levas dentro, que conta con máis dun cento de medidas para potenciar o galego durante este 2025.

Cómpre lembrar que, a través do Portal da Lingua Galega tamén se ofrecen cursos Celga de autoaprendizaxe nos seus catro niveis, aos que a cidadanía pode acceder libremente en calquera momento. Estes cursos inclúen exercicios de léxico, gramática e comprensión e expresión oral e escrita, con actividades nas que o propio alumnado pode comprobar os seus progresos e consultar as respostas.

Departamento: Tema: