A delegación da Xunta en Lugo acolle a entrega de premios do concurso infantil de debuxo con motivo do bicentenario da Policía Nacional

Volver

A Secretaría Xeral da Lingua colaborou no certame, no que participaron escolares de Educación Primaria de toda a provincia

Lugo, 13 de febreiro de 2025

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu esta tarde o acto de entrega dos premios do concurso infantil de debuxo convocado con motivo do Bicentenario da Policía Nacional. A Secretaría Xeral da Lingua, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, colaborou coa Comisaría Provincial lucense na organización do certame, no que participaron alumnos e alumnas de Educación Primaria de toda a provincia.

A Policía Nacional convocou este concurso co obxectivo de difundir entre os máis novos o labor que este Corpo presta en servizo da comunidade. Establecíanse tres categorías: a primeira para alumnado escolarizado en 1º e 2º de Educación Primaria; a segunda, para alumnado de 3º e 4º; e a terceira, para alumnado de 5º e 6º. Os traballos presentados debían conter unhas liñas en lingua galega para describir o contido do debuxo.

No acto desta tarde entregáronse os premios aos catro primeiro clasificados de cada categoría, que recibiron un agasallo e un diploma acreditativo. Na entrega participaron o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e o comisario xefe da Policía Nacional de Lugo, Luis Miguel Romera, entre outras autoridades.

Os estudantes premiados foron:

Na primeira categoría: Mateu Almuina Gayoso (CEIP Plurilingüe de Nadela), Ariel Echeverry Cruz (CEIP Monforte de Lemos), Alma González Gómez (CEIP San Xoán, de Becerreá) e Noela Ínsua Requeijo (CEIP Antía Cal Vázquez, de Muras).

Na segunda categoría: Carmen Bustabad Fernández (CEIP de Celeiro), Martín Fernández Carrera (CEIP Plurilingüe de Nadela), Martina López Candia (CEIP Península da Paz, de Cervo) e Gonzalo Porto Ingerto (CEIP Plurilingüe O Corgo).

E na terceira categoría: Sonia Mora Seijo (CEIP de Celeiro), Branca Fernández Guerreiro (CEIP Quiroga Ballesteros, de Lugo), Gonzalo Gómez Rodríguez (CEIP Plurilingüe O Corgo) e Cristian Prieto Gómez (CEIP Antía Cal Vázquez, de Muras).

O delegado territorial destacou a calidade dos traballos presentados e valorou a colaboración da Xunta nesta iniciativa “que serviu para achegar aos máis novos a importancia de contar con este corpo policial e para dar a coñecer o seu labor fundamental como garante da seguridade de todos os veciños e veciñas da provincia, ao tempo que promovemos o uso da lingua galega entre os escolares”.

Departamento: Tema: Lingua