O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, participou no acto de remate do programa ‘Modo Galego, Actívao’ co alumnado dos colexios de Ames
López Campos gaba as iniciativas escolares “que contribúen á dinamización da lingua galega”
VolverDestaca que o idioma “é unha responsabilidade de todos e estas actividades mostran que xuntos podemos lograr moitas cousas ”
Ademais, lembra que nos plans da Xunta para impulsar o galego tamén se traballa nos centros educativos “como espazos de socialización, máis alá das aulas”
O Goberno autonómico ten en marcha un plan de medidas para fomentar o uso da lingua en diversos eidos e grupos de poboación, con especial atención á mocidade
Ames (A Coruña), 14 de febreiro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañou no colexio de Barouta ao alumnado participante no peche da presente edición do programa Modo Galego, Actívao!, na que tomou parte o estudantado dos centros Agro do Muíño, A Maía, da Escola Infantil do Milladoiro e do propio Barouta.
Neste senso, o representante da Xunta gabou que se leven a cabo este tipo de iniciativas que “contribúen a dinamizar o uso do galego”. Así, López Campos incidiu en que a lingua “é unha responsabilidade de todos” e felicitou tanto ao profesorado como ao alumnado de infantil, primaria e secundaria pola súa implicación con este programa. Por outro lado, o conselleiro destacou os colexios “como espazos de socialización, máis alá das aulas, de grande importancia para impulsar o uso da lingua”, incidindo en que se trata “dun dos contextos nos que poñemos o foco desde o Goberno galego para incentivar a fala, xa que está demostrado polos estudos que as competencias en galego están aseguradas no noso sistema educativo”.
O responsable autonómico de Lingua tamén lembrou que, ademais de estar inmersos nun dos puntos máis importantes do Pacto pola lingua, a renovación do Plan xeral e normalización, desde o seu departamento tamén se implementaron unha serie de medidas para “continuar traballando no noso compromiso co prestixio e o uso social do galego”. Deste xeito, fixo fincapé en que se trata de propostas que abranguen moi diversos ámbitos e sectores profesionais, desde a educación e a administración ata a sanidade ou o tempo de lecer.
Cómpre destacar que precisamente son os máis novos, xunto coas familias, un dos grupos sobre os que se centran os plans para o impulso da lingua da Xunta, promovendo distintas iniciativas que pretenden achegarse a este núcleo de poboación por varias vías, especialmente aproveitando as tecnoloxías como medio de interacción e de adquisición de coñecemento na actuaiidade ou a potenciación de contidos audiovisuais en galego dirixidos á infancia a través da plataforma xabarin.gal. A isto súmanselle grupos de conversa para a mocidade ou cursos específicos para persoas non nacidas en Galicia.