Os conselleiros de Cultura, Lingua e Xuventude e de Educación, Ciencia, Universidades e FP acompañaron á cativada na actividade ‘Coralia, a lambona ecolóxica’

A Xunta inicia a celebración do día da lingua materna nos centros educativos

Volver

López Campos sinala a importancia de que as novas xeracións “comprendan e entendan que o galego é un tesouro que debemos seguir coidando e cultivando”

Román Rodríguez agradece o labor dos docentes para garantir as competencias e lembra que a media das puntuacións reflicte un equilibrio entre as materias de Lingua Castelá e Lingua Galega

Os representantes do Goberno autonómico puxeron en valor que practicamente o 100% da poboación sabe ler, escribir ou falar en galego

A Enquisa sobre a percepción social do galego recolle que a maioría das familias non faría cambios sobre a situación da lingua na escola e que só un 1% dos pais e nais apostan por un modelo de inmersión lingüística

Santiago de Compostela, 19 de febreiro 2025

Os conselleiros de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañaron hoxe á cativada do colexio Mestre Rodríguez Xixirei, de Santiago de Compostela, na actividade Ecoralia, a lambona ecolóxica. Trátase da proposta coa que a Xunta de Galicia pon en marcha a celebración do Día da Lingua Materna, que terá lugar o vindeiro venres 21 de febreiro, e que chegará tamén a outros centros galegos. 

Acompañados polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, o responsable de Cultura, Lingua e Xuventude sinalou a importancia de que as novas xeracións “comprendan e entendan que o galego é un tesouro que debemos seguir coidando e cultivando para que continúe sendo un piar fundamental do noso patrimonio e identidade no futuro”.

Neste senso, López Campos destacou que o Goberno autonómico é a administración máis comprometida en “conservar, prestixiar e poñer en valor a nosa lingua”, algo que se está a facer a través da renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega, cuxas comisións se constituíron xa hai unha semana. Así mesmo, lembrou que tanto os datos ofrecidos polo Instituto Galego de Estatística como pola Enquisa sobre a percepción social do galego elaborada polo Instituto Sondaxe reflicten “a gran diversidade lingüística da nosa Comunidade e que o sistema educativo funciona porque as competencias están garantidas”.

Cómpre lembrar que a Enquisa feita a 1200 familias con fillos en Primaria ou Secundaria recolle que, en xeral, os pais e nais están satisfeitos ou moi satisfeitos co uso do galego no sistema educativo e que a maioría das persoas consultadas, un 55,2%, considera que a situación do uso do galego no ensino debería manterse sen cambios. “Só unha minoría dun 1% opina que se debería apostar por un modelo de inmersión lingüística”, conclúe o conselleiro de Cultura.

Os niveis de competencias máis altos das comunidades con lingua cooficial

Ambos conselleiros puxeron en valor que Galicia conta cos niveis de competencia máis altos de todas as comunidades con lingua cooficial e que, ademais, practicamente o 100% da poboación sabe ler, escribir ou falar en galego. Sobre este punto, Román Rodríguez aproveitou para agradecer o labor dos docentes e lembrou que a media das puntuacións reflicte que existe equilibrio entre as materias de Lingua Castelá e Lingua Galega. “Nas diferentes etapas educativas, os resultados das cualificacións finais é moi similar, o que demostra as destrezas do alumnado nas dúas materias”, concluíu.

Así, segundo os datos da Consellería de Educación, do alumnado que remata Bacharelato, o 91% conta cun aprobado en Lingua Castelá, mentres que o 92% supera a materia de Lingua Galega. Ademais, as cualificacións medias son moi similares acadando un 6,25 en castelá e un 6,39 en galego. Isto reflíctese directamente nos resultados das probas de acceso á universidade, iguais para todo o alumnado, nas que a nota media é dun 7,03 no exame de castelá e de 6,56 no de galego.

A situación é similar ao remate da etapa de Primaria e Secundaria. O 95% dos estudantes que finalizan 6º de Primaria contan cun aprobado en Lingua Castelá e o 92% en Lingua Galega. En canto ás cualificacións medias, os primeiros obteñen un 7,26, mentres que os segundos acadan un 7,17. En secundaria, a porcentaxe de aprobados é exactamente igual, o 86%, e as cualificacións medias son un 6,08 no caso de Castelá e un 6,19 no de Lingua Galega.

O informe sobre os resultados académicos en ambas linguas enviarase ás comisións encargadas da renovación do Plan xeral de normalización da lingua como complemento aos datos da Enquisa estrutural a fogares, coñecemento e uso do idioma galego do Instituto Galego de Estatística, ás recomendacións para Galicia da Carta Europea das Linguas Minoritarias e aos resultados da Enquisa sobre a percepción social do galego elaborada polo Instituto Sondaxe.

Departamento: Tema: