A Xunta colabora na edición da guía didáctica para achegar O Seminario de Estudos Galegos á rapazada
VolverA publicación ofrece unha visión de conxunto sobre a divulgación na ciencia, a cultura e o coñecemento de Galicia
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participa na presentación deste traballo promovido polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento no marco do centenario da súa fundación en 2023
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación da guía didáctica O Seminario de Estudos Galegos, elaborada polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, o centro de investigación mixto do Consejo Superior de Investigaciones Científicas e a Xunta de Galicia co fin de achegar o traballo desta entidade á rapazada dun modo divulgativo.
Na presentación, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fixo referencia á necesidade de por en coñecemento dos máis cativos unha das institucións científico-culturais galegas de máis relevancia que integrou profesores e alumnos da Universidade de Santiago, así como a intelectuais galeguistas da Xeración Nós e das Irmandades da Fala. Neste senso, destacou que materiais como esta guía didáctica “permiten dar a coñecer o proceso de investigación, as obras e a historia desta entidade para a cultura galega”.
No acto, que tivo lugar no Pazo de San Roque, tamén participaron Pablo S. Otero Piñeyro Maseda, director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento; María Rivo Vázquez, unha das autoras da obra, e Patricia Díaz Soto, ilustradora da guía.
10 bloques teóricos
A publicación, dirixida ao público escolar a partir de 5º de Primaria, afonda nas achegas feitas pola entidade desde a súa fundación, o 12 de outubro de 1923, cando estudantes universitarios, da man do catedrático Armando Cotarelo Valledor, decidiron crear un grupo dedicado aos estudos galegos, organizándose para iso en diferentes áreas temáticas.
O volume está dividido en 10 bloques temáticos, completados coas súas respectivas actividades didácticas. Ademais, incorpora varios Sabías que...? que permiten ampliar os contidos a través de curiosidades, explicacións sobre termos técnicos, citas literarias e exercicios. Así mesmo, o texto amosa a historia do Seminario de Estudos Galegos achegando información da orixe, misión, organización, sedes, socias e socios, as mulleres que pertenceron a este colectivo, as campañas de investigación, as publicacións ou as liñas de investigación.
A guía pode descargarse gratuitamente na páxina web do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e na da Editorial do Consejo Superior de Investigaciones Científicas.