Valentín García participa nos actos do Día do galego no Bierzo afianzando a proxección exterior da lingua
VolverCacabelos (León), 10 marzo 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe en diversos actos incluídos na programación do Día do galego no Bierzo, no marco do protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Goberno castelán-leonés para potenciar os estudos da cultura e lingua galegas nos territorios limítrofes como son o Bierzo e Sanabria.
Así, o representante do Executivo galego tomou parte na sétima edición das Xornadas Martín Sarmiento en Villafranca e compartiu co alumnado dos centros docentes da vila berciana de Cacabelos a entrega do Premio Morales centrado no poema O Entroido. Tal e como lembrou, estes eventos dan conta do traballo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a prol da proxección exterior da lingua galega, un dos puntos recollidos para a renovación do Plan xeral de normalización que está en proceso ao abeiro do Pacto pola Lingua. Neste senso, cómpre destacar que este ano participan nos cursos de galego que se imparten no Bierzo e en Sanabria 1.166 alumnos, repartidos en 14 centros de Educación Infantil e Primaria, catro Institutos de Secundaria e unha Escola de Idiomas.