O colectivo Egeria recolle nun libro o proxecto ‘Lugopoética 2024’, co que colabora a Xunta de Galicia

Volver

A Delegación Territorial acolleu hoxe a presentación da publicación co contido dos encontros poéticos que se celebraron nos últimos meses en Lugo

Lugo, 14 de marzo de 2025

O colectivo Egeria presentou hoxe o libro Lugopoética 2024, que recolle os encontros poéticos que se celebraron hai uns meses na sede da Uned en Lugo no marco do proxecto do mesmo nome no que colabora a Xunta de Galicia.

A presentación tivo lugar na Delegación Territorial e contou coa participación do secretario xeral da Lingua, Valentín García; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; a directora da Uned en Lugo, Ana Traseira, e Xulio Xiz como representante de Egeria e coordinador desta iniciativa.

Lugopoética dividiuse en seis sesións, cada unha protagonizada por un poeta xa consagrado e un autor novo, que contrastaron as súas experiencias e puntos de vista ademais de expoñer parte da súa obra. Os escritores que protagonizaron as distintas xornadas foron: Marica Campo e Eva Teixeiro; Lois Pérez Díaz e Daniel Irimia Yáñez; María Xosé Lamas e Brenda Mondelo; Xosé Otero Canto e Antonio Calvo Varela; Olga Novo e Cristina Soilán; e Baldomero Iglesias Dobarrio e Francisco Javier Neira Pampín.

O libro é un achegamento á vida e á poesía destes doce autores da provincia, coa escolma da súa obra elixida por eles para esta actividade cultural. Os encontros foron  transmitidos pola Rede da Uned, publicados en Facebook, e tamén poden visualizarse na web dos encontros www.lugopoetica.org.

Departamento: Tema: Lingua