O secretario xeral da Lingua participou na entrega de Premios á Calidade Lingüística na Facultade de Xeografía e Historia
A Xunta colabora coa Universidade de Santiago no impulso da lingua entre o seu estudantado
VolverA convocatoria recoñece o bo nivel dos traballos académicos de curso, de fin de grao e fin de mestrado escritos en galego
Valentín García destaca a importancia de “fomentar o idioma nun eido, o universitario, que contribúe en boa maneira a darlle prestixio”
Ademais, salienta que desta maneira “actúase nun espazo de socialización fundamental para chegar á mocidade”
Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na entrega dos Premios á Calidade Lingüística cos que a Universidade de Santiago, co apoio da Xunta de Galicia, recoñece os mellores traballos académicos de curso, de fin de grao e fin de mestrado escritos en galego. Así, o representante do Goberno autonómico felicitou os galardoados nunha iniciativa que “ten por obxectivo fomentar o uso da lingua nun eido, o universitario, que contribúe en boa maneira a darlle prestixio, dándolle pulo como idioma de expresión nos estudos superiores ”.
Neste senso, fixo fincapé na importancia de chegar á poboación máis nova, lembrando a aposta da Xunta “por actuar a prol do galego nos centros educativos, tanto universitarios como nos colexios e institutos, con actuacións que van desde concursos e premios ata actividades lúdicas á marxe da acción formativa”. Todo isto, puntualizou, vai en consonancia coas medidas recollidas no Pacto pola Lingua posto en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que ten como un dos seus eixos prioritarios o achegamento do idioma á mocidade.
Valentín García gabou a implicación da Universidade de Santiago coa lingua e o seu compromiso coa “cultura de calidade entre o alumnado no uso do galego”, unha das premisas deste certame que recoñece nos proxectos presentados, desde o punto de vista formal, os aspectos lingüísticos, a estruturación da información, a redacción, o deseño e a coherencia.
Durante o acto, que se celebrou na Facultade de Xeografía e Historia, e no que o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude acompañou ao reitor da institución compostelá, Antonio López, entregáronse 19 distincións dotadas con premios que foron dos 150 € aos 500 €, ademais de 12 mencións.