O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, acompañado polo secretario xeral da Lingua, reuniuse cos responsables de cada unha das 11 comisións de expertos
A Xunta contactará con 100 entidades ata finais de mes para renovar o Plan de normalización da lingua
VolverTras celebrar as primeiras reunións, os grupos de traballo continúan co seu calendario de encontros para completar este primeiro cuadrimestre de conversas
As xuntanzas, que seguirán nos vindeiros meses, estanse a levar a cabo por áreas, segundo os bloques temáticos establecidos ao abeiro do Pacto pola Lingua
López Campos destaca o “carácter social co que estamos a enfocar este proceso que iniciamos no seu momento cunha clara intención participativa”
Engade que “sempre tivemos vontade de escoita, non só cos grupos políticos, tamén coas institucións e colectivos de distintos eidos e sectores”
Santiago de Compostela, 1 de abril de 2025
A Xunta alcanzará as 100 entidades contactadas a finais de abril coas xuntanzas que están a manter as comisións formadas para a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que incidiu hoxe no “carácter social” co que se está a enfocar este proceso de actualización “no que implicamos a todo tipo de institucións, asociacións, colectivos e persoas individuais que xa están a dar os seus puntos de vista a través dos grupos de traballo establecidos”.
O representante da Xunta realizou esta valoración nunha reunión coas persoas que presiden as 11 comisións de expertos, na que estivo acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, e na que coñeceron os asuntos tratados polo de agora, así como a planificación dos vindeiros meses para seguir recollendo achegas, ben presenciais ou mediante outro tipo de consultas como son os cuestionarios.
Neste senso, incidiu en que “desde un principio puxemos en marcha este proceso cunha clara intención participativa”, puntualizando que “sempre tivemos vontade de escoita, non só cos grupos políticos, tamén cos referentes sociais nos distintos eidos e sectores, e así o estamos facendo”. Ademais, explicou que nos vindeiros meses tamén se abrirá un proceso participativo para que todos os cidadáns que queiran poidan facer algunha proposta a nivel persoal ou colectivo.
Así, López Campos lembrou que xa se mantiveron conversas coas principais institucións culturais da Comunidade como a Real Academia Galega da Lingua ou o Consello da Cultura Galega, así como con outros entes como son a Nova Escola Galega, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua ou fundacións de autor, representadas neste caso polos presidentes da dedicada a Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Uxío Novoneyra. A estas entrevistas únenselle os contactos realizados por cadansúa comisión con outro tipo de axentes que teñen que ver coa súa área específica.
Neste senso compre lembrar que os grupos de traballo están dividios nos seguintes bloques: tecnoloxías; oferta e dotación de recursos lingüísticos; administración; sistema escolar; transmisión patrimonial do idioma, familia e lecer; medios de comunicació e industrias culturais; economía; sanidade; sociedade, e lusofonía e proxección exterior.
Outras medidas do Pacto pola Lingua
A renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega é un dos puntos destacados dun plan máis amplo, o Pacto pola Lingua, que pretende a través de varias vías impulsar o uso do galego, incentivar a súa presenza en moi diversos eidos e prestixiala como idioma nos diferentes sectores e espazos de convivencia da sociedade.
Deste xeito, elaborouse un paquete de medidas inmediatas con accións que xa están a desenvolver ou a piques de iniciar o seu percorrido. Así, xa están en marcha cursos de galego específicos no ámbito da Administración e da Xustiza, así como outros gratuítos de preparación das probas Celga, que certifican as competencias na lingua. A isto hai que engadir os avances e melloras na plataforma neofalantes.gal, o desenvolvemento de contidos audiovisuais infantís en galego a través da canle xabarín.gal ou mesmo o apoio da Xunta á primeira serie musical de animación en lingua galega, Bibopalula. En canto á cativada, tamén se celebraron programas lúdicos nos centros escolares para incentivar o uso do idioma, como é o caso de 21 días co galego ou Falamos +.