O secretario xeral da Lingua asiste á inauguración da exposición ‘Crear Porvir’ en Lugo
Valentín García destaca o traballo da Editorial Galaxia na promoción da lingua nestes 75 anos de vida
VolverO representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salienta “a contribución da institución no asentamento das bases do sistema literario galego”
Pon en valor a colaboración da Xunta e a entidade na celebración do ‘Ano Castelao’ a través da publicación das dúas versións de ‘Os vellos non deben namorarse’
Lugo, 9 de abril de 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, asistiu hoxe á inauguración de Crear Porvir, a exposición itinerante que conmemora os 75 anos de vida da Editorial Galaxia que, tal e como destacou, é unha institución de referencia que non deixa de traballar pola promoción da lingua a través da difusión literaria.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor a importancia desta entidade na nosa Comunidade, “que durante estes tres cuartos de século de vida foi quen de editar máis de 3.000 títulos contribuíndo a asentar as bases do noso sistema literario”. Deste xeito, o secretario xeral remarcou que este compromiso co prestixio da lingua forma parte do traballo posto en marcha pola Xunta de Galicia no marco do Pacto pola Lingua que inclúe medio cento de accións inmediatas para impulsar o uso do galego en diversos eidos.
Neste senso, Valentín García salientou que, coincidindo coa celebración do Ano Castelao este 2025, a editorial será a encargada da publicación das dúas versións existentes de Os vellos non deben namorarase, a emblemática obra teatral de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao. Esta proposta, tal e como destacou o representante do Goberno galego, enmárcase na variada programación que tamén contará cunha exposición virtual e interactiva na Cidade da Cultura ou outras actividades nos centros educativos para afondar na figura do ilustre escritor rianxeiro.
A exposición Crear Porvir, que vén de estar en Santiago de Compostela, permanecerá no Pazo Provincial de San Marcos ata o 11 de maio, para continuar a percorrer durante o resto do ano as sete grandes cidades galegas.