A Xunta destaca o vínculo co portugués como un piar na renovación do Plan de Normalización da Lingua

Volver

O Observatorio Valentín Paz Andrade celebra a primeira reunión de traballo para impulsar as relacións sociais, culturais e económicas cos países lusófonos

O secretario xeral da Lingua resalta ”a grande vantaxe de usar o galego como lingua que nos conecta cunha comunidade de máis de 270 millóns de falantes”

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE incidiu na contribución deste órgano a que “Galicia poida facer de ponte entre o mundo hispánico e o ámbito da lusofonía”, aproveitando as oportunidades que ofrece

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2025

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Bértolo, participaron hoxe na primeira reunión de traballo do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade, que quedou constituído no pasado mes de outubro co obxectivo de impulsar as relacións sociais, culturais e económicas cos países lusófonos aproveitando a proximidade dos dous idiomas.

Neste senso, o responsable de Lingua do Goberno galego fixo fincapé na necesidade de afondar, especialmente entre a mocidade “na grande vantaxe que supón utilizar o galego para abrirnos ao mundo a través dos países de fala portuguesa”. Deste xeito, lembrou que “a lingua galega, ademais de ser un valor cultural e identitario, tamén nos conecta cunha comunidade de máis de 270 millóns de persoas que teñen como idioma o portugués”.

Así, Valentín García resaltou a aposta que desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude “se está a facer pola proxección exterior do galego no marco da renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega”, en referencia a un dos grandes piares nos que se artella este proceso de actualización e que se centra precisamente en tirar proveito dos vínculos coa lusofonía para “promover e poñer en valor o idioma e os beneficios de saber galego a nivel internacional”.

Pola súa banda, o diretor xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, incidiu na contribución deste Observatorio para que “Galicia poida facer de ponte entre o mundo hispánico e o ámbito da lusofonía”, especialmente dado o contexto internacional actual. Esta contorna inestable, fai que “sexa máis importante que nunca que Galicia aproveite as oportunidades culturais, económicas e comerciais que nacen da súa proximidade á lusofonía”, apuntou.

Algunhas das accións a desenvolver neste marco son as convocatorias de estadías de alumnado en Portugal ou os intercambios con centros educativos no ámbito da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O Observatorio

O Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade é un órgano integrado polas entidades galegas relevantes na relación cos países de fala portuguesa, tanto a nivel lingüístico como noutros eidos, e que ten como obxectivo asesorar á Xunta de Galicia, formular plans de acción e deseñar actividades de coñecemento ou de intercambio. Así, teñen representación o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, as tres universidades, a Federación Galega de Municipios e Provincias, a Confederación de Empresarios ou os centros de estudos galegos en Portugal e Brasil

Entre as súas funcións, está a de identificar as necesidades, retos e oportunidades para Galicia na área da lusofonía; fomentar a colaboración público-privada para impulsar o coñecemento da lingua portuguesa en Galicia, e propoñer actividades de intercambio e colaboración con países de fala portuguesa.

Departamento: Tema: