Valentín García destaca o papel das mulleres na transmisión da poesía popular oral na inauguración da mostra ‘Cantareiras’

Volver

A exposición impulsada polo Museo do Pobo Galego forma parte da programación das Letras Galegas 2025

Reúne fondos sonoros, materia gráfico e documental, así como pezas cedidas por particulares

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2025

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na inauguración da exposición Cantareiras. Oralidade – Creación – Transmisión, na mostra impulsada polo Museo do Pobo Galego, no marco das homenaxes das Letras Galegas 2025.

A mostra, que se pode visitar ata o 28 de setembro, salienta o papel das mulleres que, a través da súa voz, foron vehículo de transmisión da poesía popular oral galega ao longo das xeracións. No acto, o representante da consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor “o protagonismo destas mulleres como creeadoras e transmisoras dun dos piares fundamentais da nosa cultura inmaterial”, subliñando tamén “a súa capacidade para manter viva a lingua galega en espazos e tempos nos que non sempre foi recoñecida”.

Neste senso, Valentín García tamén agradeceu o labor do Museo do Pobo Galego e das entidades que colaboraron nesta iniciativa, salientando a importancia de actos coma este “para reivindicar o valor do galego como lingua de creación, de comunidade e de memoria compartida”.

A exposición, reúne fondos sonoros do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do propio museo, material gráfico e documental, así como pezas cedidas por particulares. A proposta museográfica artéllase arredor da cadea de transmisión oral e incorpora unha perspectiva de xénero para recoñecer os espazos, formas e persoas que fixeron posible a conservación deste legado.

O acto contou ademais cunha intervención musical das cantareiras Rosario e Carme das Marías, nai e filla, integrantes do grupo Raigañas, que emocionaron ao público coa súa interpretación.

Departamento: Tema: Lingua