A Xunta convoca as axudas á edición de materiais didácticos en lingua galega para o ano 2025
VolverDestina 200.000 euros para fomentar a elaboración e publicación de recursos didácticos curriculares en galego e favorecer o tecido da industria editorial galega
As editoriais poderán solicitar estas subvencións a través da sede electrónica da Administración autonómica desde mañá ata o 12 de maio
Santiago de Compostela, 19 de abril de 2025
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios. Trátase dunha liña de axudas destinadas á edición de materiais en formato impreso ou dixital á que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achega 200.000 euros para este ano.
O obxectivo desta liña de axudas, dirixida ás empresas do sector editorial, é fomentar a elaboración e publicación de recursos didácticos curriculares en galego no ensino regrado e así favorecer o tecido da industria editorial galega. Aquelas que cumpran os requisitos deberán enviar as súas solicitudes a través da sede electrónica da Xunta ata o 12 de maio.
No marco desta medida serán subvencionables os recursos realizados en soportes impresos ou dixitais. Quedarán excluídos os libros de creación literaria, dicionarios, enciclopedias, libros de bibliófila, volumes de difusión gratuíta, publicacións de clubs de lectura ou similares, obras que non sexan primeira edición ou proxectos con contidos idénticos aos xa subvencionados nalgunhas das tres últimas convocatorias.
Os materiais editados en soporte impreso deberán ter unha tiraxe mínima de 1.000 exemplares, mentres que en dixital ou audiovisual será de 500. As publicacións electrónicas, pola súa natureza, non están suxeitas a este requisito e, de se editar nalgún soporte tanxible (memoria USB, CD, DVD ou outros), a tiraxe mínima será de 50 exemplares.
Os proxectos presentados serán valorados por unha comisión en función da súa orixinalidade e da súa calidade, que se medirá en función da adaptación dos materiais ao currículo oficial, do tipo de actividades propostas, da relación dos contidos cos intereses e coñecemento do alumnado ao que se destina, do tratamento dos valores democráticos, da adecuación á realidade cultural e social de Galicia e, tamén, da calidade lingüística.
Ademais, os materiais destinados á formación profesional específica ou ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo obterán un incremento final da puntuación global dun 20%.