Valentín García destaca a implicación do tecido empresarial co impulso do galego
VolverO secretario xeral da Lingua participou na presentación dun estudo realizado pola Asociación de Empresarios de Deza sobre o uso do idioma no seu ámbito
Lalín (Pontevedra), 16 de abril de 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou hoxe un estudo que afonda no uso do galego no tecido empresarial da comarca do Deza destacando “a importancia de involucrar a todos os axentes posibles á hora de facer unha radiografía da situación do idioma desde distintos ámbitos e perspectivas”.
Así, o representante da Xunta, explicou que este informe da Asociación de Empresarios de Deza “achéganos información de valor para avaliar tanto o coñecemento da lingua como o das distintas ferramentas ou recursos públicos existentes para incentivar e optimizar o seu uso”. Neste senso, destacou que “a diagnose que nos deixa este documento é razoablemente positiva e serve de punto de partida para mellorar, que é o obxectivo do Pacto pola Lingua”.
Deste xeito, puntualizou, estes datos supoñen “unha base certeira sobre a que traballar” xa que, segundo explicou, están recollidos no ámbito dun tecido empresarial moi representativo da Galicia interior. Así, fixo fincapé nalgúns dos seus resultados, como que a meirande parte dos enquisados consideran que na súa empresa hai un coñecemento axeitado e suficiente do galego, un 83,7%, e unha actitude positiva cara o seu uso, un 88,7%.
O estudo formará parte a nivel informativo da documentación para as comisións de expertos que están a traballar para levar a cabo a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega, sendo datos que van servir de referencia.