O secretario xeral da Lingua destaca a proxección internacional da cultura galega a través da poesía escénica
Valentín García presenta en Nova York a IX edición do Festival Kerouac, que promove a poesía galega en América co apoio da Xunta de Galicia
VolverA Casa Galicia acolle a presentación oficial dun encontro poético internacional que se desenvolverá en maio en diversos espazos da cidade
O festival contará con recitais poéticos, música e performances escénicas en distintos espazos culturais da cidade
Nova York, 19 de abril de 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación oficial da IX edición do Festival Internacional Kerouac de Poesía en Nova York, un encontro cultural que conta co apoio da Xunta de Galicia e que serve como ponte poética entre Galicia e América.
O acto celebrouse na sede da Casa Galicia en Nova York, e contou coa intervención do poeta galego e director do festival, Marcos de la Fuente, a artista Vanesa Álvarez, organizadora da cita en Nova York, así como a poeta e tradutora Annalisa Pegrum e o poeta galego residente na cidade, Manuel Mata.
Durante a súa intervención, o representante da Xunta puxo en valor “a traxectoria consolidada do Festival Kerouac como referente internacional da poesía escénica en galego” e destacou o seu papel como “ferramenta de internacionalización cultural que permite afianzar os vínculos coas comunidades galegas do exterior, especialmente nos Estados Unidos”.
A IX edición do festival celebrarase os días 8 e 9 de maio nos espazos Flamboyán – The Clemente e The Francis Kite Club, e contará cunha ampla programación de recitais poéticos, música e performances escénicas, con presenza de autores e artistas de Galicia, Estados Unidos, Latinoamérica e outros países.
O Festival Kerouac, que naceu en Vigo no ano 2010, estendeuse nos últimos anos a outras cidades como Nova York ou Cidade de México, converténdose nun referente da poesía oral e escénica contemporánea. A cita neoyorquina suma xa nove edicións e consolidouse como un evento cultural de referencia para a diáspora galega e para o público estadounidense amante da poesía e das artes vivas.