O secretario xeral da Lingua inaugurou estas xornadas formativas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e do Centro Autonómico de Innovación e Formación

A Xunta achega nas Letras Galegas o cancioneiro popular ao profesorado para que divulgue o valor deste legado patrimonial entre o alumnado

Volver

Valentín García salienta o papel da comunidade educativa para difundir a relevancia do folclore galego ás xeracións máis novas e garantir a súa preservación

A formación terá como protagonistas as sete cantareiras homenaxeadas o vindeiro 17 de maio e, a través delas, tamén a poesía tradicional oral que elas interpretaban

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2025

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, inaugurou hoxe a XI Xornada do Día das Letras Galegas, sesión formativa coa que o Goberno galego divulga entre o profesorado galego o cancioneiro popular “co obxecto de que acheguen o seu alumnado a este importante legado do patrimonio inmaterial”, co gallo da celebración das Letras Galegas, dedicadas este ano ás cantareiras e a poesía tradicional oral que elas interpretaban.

Así o salientou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, departamento da Xunta encargado desta formación xunto co Centro Autonómico de Innnovación e Formación, dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, cuxo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, tamén participou na inauguración.

Valentín García puxo en valor ao papel da comunidade educativa para difundir a relevancia do folclore galego ás xeracións máis novas “e garantir, deste xeito, a súa preservación”. Neste senso, considerou necesario que tamén nas aulas se lle transmita á rapazada “a riqueza deste valioso patrimonio inmaterial e facer medrar o amor e interese por elas e, consecuentemente, pola nosa fala entre mocidade”.

Precisamente, considerou que os mestres e mestras son “un piar fundamental” para, xunto coa Administración e coas familias, “acadar unha maior implicación da nosa cativada e a xuventude” nas actividades e programación das Letras Galegas, “que este ano reivindican o valor dos nosos cantos e músicas non só como material creativo e artístico, senón para fortalecer a nosa lingua, crear comunidade e fornecer a memoria compartida”.

Xornada formativa

A xornada tratará de achegarlle o valor da lírica oral ao profesorado encargado de divulgalo entre o resto da comunidade educativa, a través de relatorios de especialistas e das experiencias de traballo dos equipos de dinamización da lingua galega de diversos centros educativos, que tirarán proveito desta sesión conxunta para o intercambio de materiais e de recursos.

Tras a inauguración, pola mañá participarán na xornada especialistas como Manuel Rico, co relatorio A historiografía dos cancioneiros de música tradicional de Galicia, e Sergio de la Ossa, músico, profesor e escritor, quen afondará no cancioneiro popular galego de Schubarth e Santamarina.

O tamén experto Richi Casás e os mestres Xosé Manuel Varela Varela e Icía Varela completarán as intervencións da mañá xunto con Xosé Manuel Fernández, presidente de honra de Aturuxo, que ofrecerá un relatorio A influencia das Vellas de Mens no folclore galego.

Xa pola tarde, abrirán o programa formativo os docentes representantes dos centros gañadores do Concurso-exposición Letras Galegas, que este ano foron o colexio Celso Emilio Ferreiro, de Cerceda (A Coruña) e o instituto Castelao, de Vigo (Pontevedra).

Posteriormente, debullaranse as experiencias educativas propostas polos centros Santiago Basanta Silva, de Vilalba (Lugo) e o dos Dices de Rois (A Coruña). Sumaranse a compartir as súas iniciativas, o instituto Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela; o Colexio de Cruz do Sar, de Bergondo (A Coruña); A Fraga, das Pontes de García Rodríguez (A Coruña); e El Pilar de Vigo. Finalmente, tamén se contará coa participación da Asociación Cultural Tarambainas e o Seminario Galán.

Departamento: Tema: