Valentín García explica en Navarra as iniciativas de acción inmediata para impulsar o uso do galego feitas ao abeiro do pacto pola lingua
VolverO secretario xeral da Lingua participa na reunión do Protocolo de colaboración en política lingüística xunto con representantes de Cataluña, Illas Baleares, Comunidade Valenciana, Comunidade Foral de Navarra e o País Vasco
O Goberno galego inicia xa os trámites para crear un selo que recoñeza o compromiso de empresas e institucións co galego e que se valore en procedementos e convocatorias
Pamplona, 7 de maio de 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe en Pamplona na comisión de seguimento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística subscrito polos gobernos de Galicia, Cataluña, Illas Baleares, Comunidade Valenciana, Comunidade Foral de Navarra e o País Vasco para establecer vías de colaboración entre os diferentes departamentos de política lingüística.
Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor todo o traballo feito desde a Xunta de Galicia ao abeiro do Pacto pola lingua e co obxectivo de impulsar e prestixiar o uso do galego en toda a sociedade. Neste senso, fixo referencia á renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega e as medidas de acción inmediata postas xa en marcha e que inclúen actividades formativas para colectivos específicos como sanitarios, fiscais ou persoas non nacidas en Galicia.
Así mesmo, Valentín García informou que a Administración autonómica está iniciando xa os trámites para crear un selo que valore o compromiso de empresas e institucións coa lingua galega. “Este recoñecemento, anunciado polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, poderá terse en conta en convocatorias e procedementos públicos e servirá, ademais, como criterio de desempate”, explicou.
Durante a sesión de traballo, fíxose unha posta en común entre todas as linguas propias do Estado, co obxectivo de identificar retos compartidos e avanzar en liñas de acción coordinadas. A mocidade estivo moi presente no enfoque dos distintos territorios, con especial atención ás políticas lingüísticas que promoven o uso das linguas propias en contextos educativos e sociais nos que os máis novos teñen un papel protagonista.
Outro dos puntos destacados foi o compromiso dos membros do Protocolo de avanzar conxuntamente na demanda de que todas as linguas cooficiais do Estado estean plenamente integradas nas plataformas de televisión, con especial atención á programación infantil e aos contidos audiovisuais como os debuxos animados. Tamén se avaliou o desenvolvemento do proxecto de intelixencia artificial en galego, catalán e éuscaro, que as diferentes administracións puxeron en marcha de xeito simultáneo e con metodoloxías converxentes. Así mesmo, as comunidades autónomas informaron dos avances na elaboración dunha unidade didáctica sobre a cultura do plurilingüismo en España, que está sendo impulsada desde a Plataforma Estatal para a Promoción das Linguas Propias.
Ademais da reunión, o secretario xeral da Lingua participou tamén nas actividades da Rede para a Promoción da Diversidade Lingüística, unha plataforma europea con sede en Bruxelas integrada por administracións públicas, entidades sociais e institucións académicas que traballan a prol das linguas minorizadas. Esta rede celebrou en Pamplona a súa asemblea xeral e a súa conferencia anual baixo o título Desenvolvemento sostible das zonas de alta vitalidade para as linguas minoritarias.
Neste espazo de traballo europeo, Galicia defendeu o papel das linguas propias como motor de cohesión territorial, innovación educativa e desenvolvemento cultural. A presenza da Xunta nestes encontros consolida a súa posición como referente na promoción da diversidade lingüística dentro e fóra de España.