O secretario xeral da Lingua participou no acto de entrega do galardón á modalidade de Educación Infantil e Primaria ao colexio Celso Emilio Ferreiro de Cerceda, na Coruña
Valentín García gaba o “compromiso coa nosa cultura e idioma” dos centros escolares a través do Concurso das Letras Galegas dedicado ás Cantareiras
VolverO certame está convocado polas consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e a de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Salienta o carácter “integrador e inclusivo” da exposición ‘Cantareiras: poesía popular oral’ que emprega códigos QR e pictogramas
O instituto Castelao de Vigo gañou na categoría de Ensinanza Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas Especiais con ‘Canta que cadramos ben’
Cerceda (A Coruña), 12 de maio de 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, entregou hoxe ao colexio Celso Emilio Ferreiro de Cerceda, na Coruña, o premio do Concurso do Día das Letras Galegas 2025 da Xunta de Galicia, dedicado ás cantareiras e á poesía popular, na modalidade de Educación Infantil e Primaria, mentres que o galardón na modalidade de Ensinanza Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas Especiais recaeu no instituto Castelao de Vigo, e foille entregado a pasada semana.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor este concurso para achegar “a relevancia das homenaxeadas e das súas aportacións ao patrimonio inmaterial” entre as xeracións máis novas, das que gabou o seu “compromiso” con esta difusión, a través das propostas recibidas no concurso, “no que cada ano sobe a calidade e orixinalidade dos traballos”.
Ao respecto, lembrou que esta iniciativa, convocada polas consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e a de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, convidaba o alumnado a elaborar unha exposición centrada na obra, a época e a situación sociolingüística da etapa na que viviron as protagonistas.
Precisamente, Valentín García salientou a “beleza estética e a harmonía” de ambas as dúas exposicións, tanto a do colexio Celso Emilio Ferreiro de Cerceda, que resultou gañador coa mostra Cantareiras: poesía popular oral, como a do instituto Castelao que foi premiado polo proxecto Canta que cadramos ben. As dúas iniciativas están complementadas, ademais, cunha guía didáctica.
Carácter integrador e inclusivo
O secretario xeral da Lingua fixo fincapé no carácter “integrador e inclusivo” da exposición Cantareiras: poesía popular oral, xa que emprega técnicas e recursos diversos, entre os que se atopan códigos QR ou pictogramas.
Con esta convocatoria, o Goberno galego pretende impulsar a achega da mocidade a esta manifestación da cultura popular, xa que se lles propuxo que profunden na importancia dos cantos e da tradición oral para a lingua galega ao longo da historia e no labor fundamental das mulleres como transmisoras desta riqueza inmaterial.
Cómpre salientar que, ademais de potenciar o estudo da época e propiciar unha reflexión sobre a lingua e a sociedade do momento, enriquecendo o seu coñecemento, os participantes tamén terán un premio económico de 2.000€ por categoría.
Letras Galegas 2025
Con motivo do Día das Letras Galegas réndese homenaxe ás cantareiras Adolfina e Rosa Casás (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e ás Pandereteiras de Mens, Manuela Lema Villar, Prudencia e Asunción Garrido Ameijende, de Malpica de Bergantiños.
Adolfina (1912-2009) e Rosa (1913-2005) eran tía e sobriña, coñecidas na contorna pola súa arte como cantareiras e tocadoras. Rosa emigrou a Inglaterra nos 60 e nos anos 80 as dúas volveron xuntarse recobrando o seu xeito de tocar.
Eva Castiñeira (1926-2010) era veciña do lugar de Agranzón en Muxía e cantaba desde pequena nas romerías. Convidada polo grupo Milladoiro, foi a primeira pandereteira en subir a un escenario cun grupo folk, nun concerto celebrado no pavillón de deportes da Coruña.
As Pandereteiras de Mens foron cinco labregas desta parroquia malpicá. Dúas delas (Adela e Teresa) non poden ser homenaxeadas ao falecer hai menos de dez anos. Recibirán o recoñecemento Prudencia Garrido (1905-1993) e a súa irmá Asunción Garrido (1915-2007), ademais de Manuela Lema Villar (1913-1993). Cando algunha xa superaba os 80 anos, viaxaron por Europa e América coa súa música acompañando, a partir de 1972, a Agrupación Folclórica Aturuxo.