O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, acompañado polo secretario xeral da Lingua, participou na entrega dos IV Premios escolares ‘DígochoEu 2025’

López Campos celebra a “implicación e ilusión” das xeracións máis novas en “facer medrar a nosa lingua”

Volver

Erixe ao audiovisual como unha “ferramenta imprescindible” da que a Xunta está a tirar proveito para aumentar o prestixio e o emprego do galego entre a cativada

Destaca o impulso desde o Goberno autonómico da iniciativa da plataforma audiovisual Xabarín con contidos para a rapazada, e que forma parte das 50 medidas inmediatas a prol do noso idioma postas en marcha este ano

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, celebrou hoxe a “implicación e ilusión” que están a demostrar as xeracións máis novas de Galicia en “facer medrar e prestixiar aínda máis o noso idioma” e que, segundo precisou, “se fai máis evidente e emocionante nas diferentes iniciativas que se celebran estes días ao redor das Letras Galegas”. Así o salientou na entrega dos IV Premios escolares DígochoEu 2025, no que estivo acompañado do secretario xeral da Lingua, Valentín García.

Neste certame de vídeos en galego, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, recoñécese a calidade lingüística e expresividade dos participantes e a innovación do contido. Na gala desta cuarta edición participaron máis de 500 escolares, mestres e familiares do alumnado participante, proveniente de centros educativos de Primaria e Secundaria da comunidade autónoma e tamén daqueles de fóra de Galicia que imparten a materia de lingua galega.

Precisamente, o máximo responsable da Lingua do Goberno galego gabou a “gran calidade e orixinalidade” dos proxectos presentados e destacou o papel deste certame entre os escolares ao permitirlles “crear e divertirse” a través do audiovisual e do galego, “demostrándolles a utilidade sen límites, nin de idade nin de creatividade, de ambas linguaxes”, valorou.

Contidos audiovisuais para a cativada en galego

Neste senso, López Campos erixiu o audiovisual como unha “ferramenta e aliado imprescindible” da que a Xunta está a tirar proveito para “aumentar o prestixio e o emprego da nosa lingua entre o alumnado e as xeracións máis novas”. En concreto, apuntou o impulso desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da plataforma audiovisual Xabarín con contidos para a cativada, cunha ampla oferta de centos de horas en galego que abranguen música, cancións e series de debuxos animados. “Adobían lecer, entretemento e aprendizaxe a través do galego, demostrándolles os nosos pequenos e pequenas canta diversión e de calidade está vencellada á nosa lingua”, asegurou.

López Campos enmarcou estas accións dentro do medio cento de medidas inmediatas para potenciar o emprego do galego postas en marcha este mesmo ano. Neste senso, lembrou outras encamiñadas ao aproveitamento das tecnoloxías e os espazos dixitais nos que se move a xente máis nova co fin de dinamizar a lingua galega nesta parte da poboación e “mostrarlle a utilidade de coñecer o galego e potenciar así o seu uso neste colectivo”.

Consecuentemente, aclarou que, ademais de continuar traballando no Proxecto Nós para impulsar o galego no ámbito da Intelixencia Artificial, estase avanzando na creación de novos produtos tecnolóxicos especialmente pensados para o público infantil e xuvenil, así como na colaboración con creadores de contido que axuden a favorecer a creación de vínculos entre a lingua galega e as xeracións máis novas.

O conselleiro subliñou que a estas propostas que está a desenvolver a Xunta de Galicia súmanse a outras xa consolidadas e tamén dirixidas á xente moza ou á cativada por parte da Secretaría Xeral da Lingua como os programas de FalaRedesNadal en Rede, o de 21 Días co galego e+.

Departamento: Tema: