O secretario xeral da Lingua deu conta en comisión parlamentaria sobre o avance nas medidas de impulso ao uso do idioma

A Xunta pon en marcha os exames Celga en liña este ano como iniciativa pioneira entre as comunidades con lingua cooficial

Volver

Valentín García destaca que se “continúa a abrir portas ás persoas que non tiveron o galego como lingua nai, sobre todo á poboación chegada do exterior"

No ámbito da formación incide nos cursos para a poboación de fóra asentada na Comunidade, así como nos destinados ao persoal da xustiza ou da sanidade

Fai fincapé no obxectivo de convocar en 2026 as probas para habilitar tradutores xurados “para facilitar a tramitación de documentación oficial”

Refírese ao Plan de normalización, en proceso de renovación, como “o maior exercicio de planificación feito a prol do idioma na nosa historia”

A comparecencia coincide coa semana das Letras Galegas, que o Goberno autonómico celebra tanto en Galicia como en diversos puntos do mundo

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2025

A Xunta de Galicia está a avanzar no procedemento técnico para levar a cabo as probas Celga, que acreditan o dominio do galego, a distancia, coa intención de poder levar a cabo este proxecto piloto para o nivel 4 despois do verán. Así o afirmou hoxe o secretario xeral da Lingua, Valentín García, na Comisión 4ª do Parlamento de Galicia, onde deu conta das liñas de actuación do Goberno autonómico para fomentar o uso social, o coñecemento e o prestixio da lingua.

Neste senso, e con respecto a ditos exames, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que “Galicia será a primeira Comunidade das que contan con idioma cooficial en implantar este tipo de probas de maneira telemática”. Así, destacou, “continuamos a abrir portas de cara a potenciar a presenza do galego na sociedade con novas oportunidades para certificar as competencias na lingua, sobre todo entre as persoas que non a tiveron como lingua nai”. Deste xeito, puntualizou, “estes exames, que ata o de agora só son presenciais, supoñen unha boa ferramenta para afianzar o interese pola aprendizaxe do galego, apostando pola formación, tendo en conta que Galicia recibiu nos últimos cinco anos máis de 115.000 persoas chegadas de fóra da Comunidade”.

Así mesmo, lembrou que a Xunta tramitou este ano máis de 2.400 matrículas para a realización dos Celga en todos os seus niveis. De feito, esta pasada fin de semana examináronse do nivel 4 en Santiago de Compostela  1.155 persoas, ás que se suman 224 en Ponferrada e 70 en Madrid, outros dos puntos onde se poden validar as competencias lingüísticas.

Durante a súa intervención, Valentín García tamén fixo fincapé na tramitación do novo decreto polo que se regula a tradución e a interpretación xurada doutras linguas para o galego e viceversa. Ao respecto, puntualizou que desde o seu departamento “estase a elaborar un novo texto, xa que os estudos universitarios derivados da implantación do Plan Boloña aconsellan unha nova regulación”. Así, segundo expuxo, nese novo decreto regulánse as probas de acceso á profesión co obxectivo de convocalas para o ano 2026, ademais da habilitación directa se se cumpren unha serie de requisitos. A este respecto, recordou que se trata dunha figura “de grande importancia para facilitar a tramitación de documentación oficial en galego”.

Aínda no ámbito da formación, o secretario xeral da Lingua volveu incidir nos cursos de lingua e cultura galegas dirixidos á poboación procedente de fóra de Galicia e asentada na Comunidade e que están destinados “a fomentar a súa integración e inclusión efectiva, dado que aprender o idioma e o contexto do territorio de acollida é fundamental”. Neste momento, tal e como aclarou, están en trámite convenios para pór en marcha nas vindeiras semanas 46 cursos con Cáritas Federadas e con Cáritas Diocesana de Lugo, mentres se manteñen conversas con outras entidades para chegar ao maior número de poboación. A eles súmanse os cursos deseñados específicamente para certos sectores profesionais, como o da xustiza, o da sanidade e o da Administración Pública.

Estes son algúns dos pasos dados nos últimos meses ao abeiro do Pacto pola Lingua, aos que se suma o recente anuncio que realizou no Parlamento o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e que ten que ver  co inicio dos trámites para a creación dun selo que recoñeza o compromiso das empresas e institucións co idioma, e que poderá terse en conta en convocatorias e procedementos públicos ou poderá servir como criterio de desempate.

Renovación do Plan xeral de normalización

Tamén baixo o paraugas do Pacto pola Lingua, Valentín García referiuse ás máis de 100 entidades contactadas para a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega a través das distintas comisións que interveñen no proceso e que reúnen a máis de 100 expertos en distintos eidos. Deste xeito, dixo, “seguimos a avanzar neste proceso enfocado desde un punto de vista social, no que implicamos a todo tipo de institucións, asociacións, colectivos e persoas individuais que están a facer as súas achegas aos grupos de traballo establecidos, co obxectivo de chegar tras o verán a un informe final”.

Sinalou, así, que se trata da “actualización do maior exercicio de planificación a prol da lingua galega que se ten feito na nosa historia, aprobado no 2004 polo goberno de Manuel Fraga”. Cómpre lembrar, neste contexto, que se mantiveron conversas coas principais institucións culturais da Comunidade como a Real Academia Galega da Lingua ou o Consello da Cultura Galega, así como con outros entes como son a Nova Escola Galega, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua ou fundacións de autor, representadas neste caso polos presidentes da dedicada a Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Uxío Novoneyra. A estas entrevistas únenselle os contactos realizados por cadansúa comisión con outro tipo de axentes que teñen que ver coa súa área específica.

Trátase dun proceso organizado en grupos de traballo divididos nos seguintes bloques: tecnoloxías; oferta e dotación de recursos lingüísticos; administración; sistema escolar; transmisión patrimonial do idioma, familia e lecer; medios de comunicación e industrias culturais; economía; sanidade; sociedade, e lusofonía e proxección exterior.

Proxección exterior das Letras Galegas

Precisamente, un dos bloques nos que pon o foco este proceso de actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega, o da proxección exterior, é tamén protagonista na celebración das Letras Galegas esta semana por parte da Xunta de Galicia, impulsando actos por varios países do mundo.

Neste senso destacan as máis de 50 actividades programadas fóra do territorio galego para conmemorar esta efeméride, que este ano ten como protagonistas ás cantareiras como transmisoras da poesía popular oral. Son accións que se desenvolven por un lado a través da rede de Centros de Estudos Galegos asociados a distintas universidades do mundo como a de Río de Janeiro, no Brasil; a de Kiel, en Alemaña; a de Varsovia, en Poloña, ou a de Zadar, en Croacia. A estas, hai que sumarlle o Centro de Estudos Galegos creado na India, que tamén se une aos festexos das Letras e que supón todo un fito, chegando co galego a países máis afastados da cultura galega. Por outro lado, tamén contan con propostas especiais 11 Centros Galegos e Casas de Galicia en España e outras 30 no resto do mundo, con iniciativas que van desde actuacións musicais e obradoiros a conferencias e exposicións.

Ademais, en territorio galego, o Goberno autonómico, á marxe do acto institucional a celebrar o vindeiro sábado en Mens, no concello de Malpica, tamén colabora con distintas institucións e entidades para impulsar as súas propostas en conmemoración das Letras Galegas, á marxe da implicación dos espazos xestionados pola Xunta como son os museos, bibliotecas ou arquivos, que ofrecen durante estes días unha oferta diversa para todos os públicos e intereses ao redor das homenaxeadas neste ano, as cantareiras.

Tamén a campaña Que soe a nosa lingua coa que o Executivo galego celebra a efeméride homenaxeando ás cantareiras vai en concordancia coa campaña de dinamización do uso do galego posta en marcha meses atrás co lema Saca a lingua que levas dentro.

Departamento: Tema: Lingua