Valentín García agradece a implicación cidadá e empresarial na recollida de voces para o ‘Proxecto Nós’
VolverA iniciativa, impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración coa Universidade de Santiago, busca fomentar a presenza do galego nas plataformas dixitais
O secretario xeral da Lingua participa nun acto de recoñecemento á primeira empresa que participa directamente no programa
Neste senso, incide “no gran paso que supón que unha entidade involucre ao seu persoal e mostre vontade de implantar os recursos xerados no marco do proxecto”
Santiago de Compostela, 15 de maio de 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García destacou hoxe “a importancia da implicación cidadá e empresarial para o desenvolvemento de inciativas a prol da lingua como é o Proxecto Nós”. Fíxoo durante un acto celebrado na Cidade da Cultura no que se recoñeceu a campaña levada a cabo pola empresa SD Group entre o seu persoal para facelo participe deste proxecto, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Universidade de Santiago e enfocado en potenciar a presenza do galego no eido dixital.
Así, o representante do Goberno autonómico recoñeceu “o gran paso dado por esta entidade, a primeira do ámbito empresarial que se involucra totalmente na doazón de voces, no software e na vontade de implantar no seu funcionamento os recursos xerados a través da iniciativa”. Neste senso, puntualizou, “este supón un exemplo de compromiso e responsabilidade social empresarial con Galicia e coa nosa lingua, que agardo se estenda a máis compañías”.
Tal e como lembrou Valentín García, a través do Proxecto Nós ofrécense diversas ferramentas para empregar a lingua galega nas plataformas tecnolóxicas. Deste xeito, no seu portal xa se pode experimentar con tres aplicacións baseadas en redes neuronais artificiais: un sistema de recoñecemento da fala, outro que permite a conversión de texto a voz e o primeiro tradutor neuronal feito en Galicia.
Así mesmo, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, ten en marcha a campaña Doa a túa voz aberta a toda a cidadanía que queira colaborar para a constitución dun banco de voces en galego que inclúa persoas de distintas idades, xénero e variantes dialectais, de maneira que se permita que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas do galego.
Relacionado co eido empresarial, o secretario xeral da Lingua volveu facer fincapé no inicio dos trámites por parte do Goberno galego para a creación dun selo que recoñeza o compromiso das empresas e institucións co idioma, e que poderá terse en conta en convocatorias e procedementos públicos ou poderá servir como criterio de desempate.