A Xunta convoca 10 prazas de lectorados para reforzar o ensino da lingua e cultura galegas en seis países estranxeiros

Volver

Desenvolveranse en universidades de dúas comunidades autónomas, Portugal, Brasil, Croacia, Alemaña, Reino Unido e Polonia

As persoas interesadas que cumpran cos requisitos poderán presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica da Xunta ata o 17 de xuño

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2025

A Xunta de Galicia acaba de abrir a convocatoria de 10 prazas de lectorados para reforzar o ensino da lingua, literatura e cultura galegas en dúas comunidades autónomas e seis países estranxeiros para o 2025. Así se recolle no Diario Oficial de Galicia que publicou xa a convocatoria das seis prazas para persoal bolseiro e catro para contratado.

En concreto, as seis bolsas de formación, ás que se destina un investimento de preto de 300.000 euros, desenvolveranse na Universitat Autònoma de Barcelona, a Universitat de Barcelona e a Universidad de Granada, en España; a Universidade do Algarve, en Portugal; a Universidade do Estado do Río de Janeiro, en Brasil, e Sveučilište u Zadru, en Croacia. Pola súa banda, as prazas de persoal contratado pertencen aos centros de estudos galegos das Universidades Christian-Albrechts-Universität zu Kiel, en Alemaña; Universidade do Miño, en Portugal; University of Oxford, en Reino Unido, e Uniwersytet Warszawski, en Polonia.

O programa de formación, cunha duración máxima de tres anos en ambos casos, terá un marcado carácter práctico e estará integrado por actividades relacionadas coa docencia, a programación e a organización de tarefas, a investigación, a difusión e a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas.

Destinatarios da convocatoria

O prazo de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 17 de xuño e nesta convocatoria poderán participar todas as persoas que estean en posesión dalgunhas das titulacións de filoloxía galega e filoloxía románica, os graos en Lingua e Literatura Galegas, Estudos de Galego e Español, Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, Filoloxía Aplicada Galega e Española e estudos Lingüísticos e Literarios en Galego e Portugués.

Tamén se poderá presentar quen estea en posesión dalgunha das titulacións da área de Humanidades ou da área de Ciencias Sociais e Xurídicas ou os lectores que, antes de rematar o período máximo de estadía, se visen obrigados a cesar por causas alleas á súa vontade, sempre que esta circunstancia non derive na resolución dun procedemento de tipo disciplinario.

Con esta convocatoria, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca difundir a lingua e literatura galegas no mundo a través de diferente convenios fomentando a docencia en galego ao abeiro do Pacto pola lingua que inclúe 50 medidas de acción inmediata. Ademais, enmarcado neste traballo a prol do idioma, o Goberno galego iniciou xa os trámites para a creación dun selo que recoñeza o compromiso das empresas e institucións co seu uso, e que poderá terse en conta en convocatorias e procedementos públicos ou poderá servir como criterio de desempate.

Departamento: Tema: