O secretario xeral da Lingua participou na presentación da campaña na cidade herculina
A Xunta e Vegalsa-Eroski festexan as letras galegas cunha campaña que homenaxea as cantareiras
VolverUn total de 150 establecementos exhibirán o cartel do alumnado do colexio Celso Emilio Ferreiro de Cerceda, gañador do concurso institucional por esta efeméride
Agasallarán estes días marcapáxinas e imáns con coplas da ‘Muiñeira II’ e repartirán durante todo o mes de maio unha edición especial das súas bolsas da compra
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude gaba a “implicación e compromiso” dos sectores económicos na difusión da cultura e lingua galegas
Valentín García anima a máis empresas a sumarse ao emprego do noso idioma, ao abeiro das vantaxes do futuro selo de recoñecemento do compromiso co seu uso
A Coruña, 16 de maio de 2025
A Xunta volve colaborar un ano máis coa Vegalsa-Eroski na campaña das Letras Galegas coa que esta distribuidora alimentaria homenaxea as cantareiras e a poesía popular oral. Para iso, durante todo o mes de maio exhibirá nos seus 150 establecementos de toda Galicia carteis conmemorativos e repartirá entre os seus clientes unha edición especial das súas bolsas da compra.
“Unha iniciativa máis que amosa o compromiso das nosas empresas coa nosa cultura e lingua”, celebrou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen participou no comezo da campaña que botou andar hoxe nun establecemento da Coruña coa pegada dos carteis, nos que se empregan a ilustración gañadora do Concurso das Letras da Xunta, na categoría de Educación Infantil e Primaria, que neste 2025 recaeu no colexio Celso Emilio Ferreiro de Cerceda (A Coruña). Ademais, como novidade deste ano, estanse a repartir estes días imáns e marcapáxinas, nos que se recollen coplas da Muiñeira II das Cantareiras de Mens, que forman parte das sete mulleres nas que se personifica a homenaxea desta celebración.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou a “implicación cada vez maior” dos sectores socieconómicos en ser partícipes “nun maior impulso da nosa lingua, unha tesouro propio a empregar e potenciar, tal e como fixeron as nosas cantareiras e a nosa poesía popular oral, contribuíndo a súa preservación e difusión”, aseverou.
Galego, selo de prestixio para as empresas
Neste senso, animou a máis empresas e entidades do eidos socioeconómico de Galicia á incorporación do galego nas súas estratexias, “ao abeiro das vantaxes do futuro selo de recoñecemento do compromiso de uso e boa práctica da nosa lingua”. Ao respecto, avanzou que servirá referencia “de prestixio” para clientes, usuarios e provedores. O obxectivo desta medida, segundo precisou, é acadar “unha mellora progresiva no uso da lingua dentro destes ámbitos, outorgándolle unha maior visibilidade e prestixio, que promova tamén un maior uso da mesma”, subliñou.
Valentín García inscribiu esta medida dentro das accións xa postas en marcha pola Xunta para incrementar o emprego do galego, sobre todo entre as xeracións máis novas. En concreto, apuntou a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega, os cursos específicos para persoal sanitario e de xustiza, o deseño de unidades didácticas para persoas non nadas en Galicia, o impulso da iniciativa da plataforma audiovisual Xabarín con contidos para a cativada, a posta en marcha do Observatorio da Lusofonía, convocatoria, por primeira vez, de probas Celga en liña ou a oferta de cursos en centros do exterior como Nova York.