Valentín Garcia destaca a creación en galego como referente para as novas xeracións no Festival de Cans

Volver

O secretario xeral da Lingua asiste á apertura da exposición ‘Cans senior’ e á inauguración da rúa efémera dedicada á cineasta galega Cruz Risco

Pon en valor o talento do alumnado galego galardoado no certame ‘Nós tamén creamos!’ que viron proxectada a súa curtametraxe

O Porriño (Pontevedra), 20 de maio de 2025

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, asistiu á XXII edición do Festival de Cine de Cans que acolleu hoxe a apertura da exposición Cans senior e a inauguración da rúa efémera dedicada á cineasta galega Cruz Risco. No acto, acompañado por un grupo de alumnos gañadores do certame Nós tamén creamos!, destacou a importancia da creación en galego como referente para as novas xeracións.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor o compromiso do Goberno autonómico co cinema en galego  a través do apoio a citas, como a do Festival de Cans que recibe unha achega de máis de 39.000 euros a través da liña de subvencións a festivais audiovisuais. Neste senso, incidiu no bo momento que esta a vivir o audiovisual galego que, ademais, co apoio da Xunta de Galicia suma cada vez máis filmes no noso idioma.

No acto, Valentín García estivo acompañado polo alumnado de 5º e 6º de educación primaria do colexio Viñagrande-Deiro de Vilanova de Arousa, que foron galardoados no certame Nós tamén creamos! coa peza O que ten que aprender un cempés. Os rapaces puideron visualizar a súa curtametraxe e coñecer de primeira man as propostas do Festival de Cans que inclúe proxeccións, mostras, coloquios e propostas musicais, entre outros.

Impulso do sector audiovisual con máis de 6 M€

No marco deste compromiso con este sector, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inviste, durante este 2025, máis de 6 M€ repartidos en axudas a rodaxes e producións e coproducións para continuar co apoio aos proxectos e profesionais desta industria estratéxica en termos culturais e económicos. Ademais, para a promoción da lingua galega mantéñense os investimentos nas liñas de axudas para traballos de realización e postprodución, así como á preprodución, promoción do talento, presenza de profesionais e títulos galegos en foros e mercados especializados.

Departamento: Tema: