O secretario xeral da Lingua participou na presentación do festival ‘Aquí tamén se fala’ impulsado polo instituto Rafael Dieste da Coruña

Valentín García enxalza os espazos escolares “como motores de dinamización do galego”

Volver

A proposta enmárcase nunha iniciativa máis ampla que, baixo o mesmo nome, promove o uso do idioma a través de distintas accións como campañas nas redes sociais

Ao seu abeiro celébrase un concerto que terá lugar o 13 de xuño na cidade herculina e que contará cos grupos Alana, Dios Ke Te Krew, Pava e Ulex

Destaca “o traballo dos equipos de dinamización dos centros educativos e a implicación do alumnado e profesorado nos proxectos a prol da lingua”

A Coruña, 23 de maio de 2025

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe no instituto Rafael Dieste da Coruña na presentación da segunda edición do festival musical Aquí tamén se fala, impulsado polo propio centro educativo coa colaboración da Xunta de Galicia, e do que resaltou que “se volve pór de manifesto a importancia dos espazos escolares como motores de dinamización da nosa lingua e a implicación de alumnado e profesorado con este tipo de proxectos a prol do galego”.

Ademais, puntualizou, “estamos nun centro onde conviven máis de 25 nacionalidades, polo que é exemplo de fomento da lingua nun ámbito multicultural”. Neste contexto, o día 13 de xuño terá lugar na praza da Tolerancia da cidade herculina un concerto que reunirá aos grupos Alana, Dios Ke Te Krew, Pava e Ulex. Neste senso, o representante da Xunta convidou a asistir a esta cita coa “música máis actual feita en Galicia e en galego, unha vía máis para prestixiar e impulsar o uso da nosa lingua entre a poboación máis nova”.

O festival enmárcase nunha iniciativa máis ampla que, baixo o mesmo lema, naceu do Equipo de Dinamización da Lingua Galega deste instituto, estendéndose posteriormente a máis de 200 centros por toda a Comunidade. Deste xeito, cómpre destacar que ao abeiro desta proposta realízanse outras accións de fomento do idioma como entrevistas ou campañas nas redes sociais que contan coa participación de persoeiros galegos e internacionais e entidades que animan á xuventude a usar a lingua.

Neste contexto, Valentín García fixo fincapé “no gran traballo que se realiza nos centros educativos desde a rede de dinamización lingüística vencellada á Secretaría Xeral da Lingua e que o ano pasado levaron a cabo máis de 350 actividades chegando a 65.000 persoas”. Deste xeito, destacou outras iniciativas que involucran ao alumnado como son 21 días co galego e +, Falamos + ou Nós tamén creamos. Todas elas, tal e como explicou, “son propostas que se desenvolven nos recintos escolares como espazos de socialización, que teñen un carácter lúdico e implican tanto aos estudantes e aos profesionais dos centros como ás familias no impulso da lingua”.

Departamento: Tema: Cultura, Educación, Lingua