A Xunta entrega os premios do ‘escape room’ sobre Castelao, no que participaron máis de 700 escolares de Lugo

Volver

Resultou gañador un grupo do colexio Illa Verde, seguido por un da Milagrosa e outro da Anexa en segundo e terceiro lugar, respectivamente

No acto participou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, entre outras persoas

Lugo, 29 de maio de 2025

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude entregou hoxe os premios do escape room sobre a figura de Castelao organizado polo Departamento Territorial de Lugo na Biblioteca Pública Provincial, no que participaron uns 725 escolares de sexto de Primaria procedentes de quince centros da cidade.

O grupo gañador foi “Os actores” do CEIP Illa Verde, seguido en segundo lugar por “Os críticos” do colexio A Milagrosa e en terceiro por “Os cruceiros” da Anexa. Tamén se concederon senllos recoñecementos individuais para a mellor caricatura e a mellor viñeta, que foron a parar a alumnos do María Auxiliadora e As Mercedes, respectivamente.

O acto de entrega celebrouse na Biblioteca e contou coa participación, entre outros, do secretario xeral da Lingua, Valentín García, que subliñou o interese que xerou a iniciativa e corroborou a eficacia desta fórmula para fomentar entre os escolares o interese por Castelao e pola literatura galega en xeral.

A iniciativa Pescudando en Castelao. O tesouro das cousas enmárcase nas actividades de celebración do Ano Castelao e desenvolveuse na Biblioteca entre o 10 de marzo e o 21 de abril. Propoñía un xogo de pistas que cada grupo debía completar no menor tempo posible -unha hora máximo- e no que tamén se valoraron aspectos como a iniciativa e a creatividade para descubrir a mensaxe oculta nos escritos e debuxos do autor.

Departamento: Tema: