Rueda e o presidente da Real Academia Galega reforzan a cooperación para impulsar a lingua

Volver

O presidente da Xunta mantivo un encontro con Henrique Monteagudo e membros da comisión executiva da entidade no que se resaltou a vontade por ambas partes de avanzar no Pacto pola Lingua

Tamén se avaliaron asuntos como as obras de rehabilitación da sede da RAG ou as diferentes publicacións nas que está a traballar a academia

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta tarde a súa primeira reunión co novo presidente da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, unha xuntanza que permitiu reforzar a cooperación entre as dúas entidades para prestixiar a lingua e impulsar o seu uso social. 

Así, no encontro, no que tamén participou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, así como membros da comisión executiva da RAG, sinalouse a vontade por ambas partes de seguir avanzando no Pacto pola Lingua co obxectivo de favorecer a presenza do galego en diversos ámbitos e grupos de poboación.

Na xuntanza celebrada en San Caetano avaliáronse tamén asuntos como as obras de rehabilitación integral da sede da Real Academia Galega na rúa Tabernas (A Coruña), coas que a Xunta colabora asumindo os gastos do traslado temporal e a adecuación das novas oficinas no Polígono de Pocomaco.

Ademais, Henrique Monteagudo presentoulle ao responsable do executivo autonómico diferentes estudos e publicacións nos que está a traballar a RAG, e proxectos como a creación da fundación pro-academia.

O galego é a lingua que ten os índices de competencia más elevados de todas as comunidades con lingua cooficial: o 93,37% da poboación enténdeo; o 96,35% sábeo ler; o 94,62% sábeo falar; e o 84,35% sábeo escribir. Con todo, a Xunta é consciente da necesidade de impulsar o seu uso e prestixio e foi a primeira en propoñer un Pacto pola lingua.

Neste eido, a Administración autonómica está a traballar xa na renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega, e activou 50 medidas de forma inmediata, ademais de iniciar o procedemento para crear un selo que recoñeza o compromiso das empresas co galego.

Departamento: Tema: