Valentín García destaca a Ugía Pedreira por “manter vivas as raíces da nosa tradición popular”
VolverO secretario xeral da Lingua presenta o concerto da cantante referente da música galega actual, que terá lugar en Ames o próximo sábado
A proposta conta coa colaboración da Xunta de Galicia no marco da programación das Letras Galegas
Ames, 11 de xuño de 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou hoxe en Ames o concerto Basal, co que Ugía Pedreira achega o seu último traballo, e que se trata “dunha das propostas coas que colaboramos desde a Xunta de Galicia no marco da programación para celebrar durante todo o ano estas Letras Galegas vencelladas á nosa música tradicional”, apuntou.
Tal e como lembrou, esta é a segunda parada a iniciativa que se estreou en Ferrol e que, despois deste concerto no concello de Ames, tamén chegará a Fisterra. Neste senso, destacou a figura dunha artista “que é todo un referente da música galega actual, forxada no canto tradicional e unha das persoas que manteñen vivas esas raíces da nosa cultura oral”.
Así mesmo, Valentín García, fixo fincapé nun programa de actividades no que o Goberno galego vén apoiando, entre outras accións, varias actuacións musicais como as celebradas no mes de maio por Malvela ou o Serán. IV encontro galego de cultura popular. Baile e música tradicional, que terá lugar na Cidade da Cultura do 20 ao 22 de xuño.
A Pedreira
Neste traballo, A Pedreira presenta unha fusión de estilos diversos, combinando o rock, jazz ou o clásico, con temática filosófica, política, persoal e social, con sons que van desde os instrumentos orgánicos aos electrónicos. Estará acompañada por Lorena Cachito (batería, percusións, coros), Alejandro Vargas (teclado, sintetizadores) e Mauricio Caruso (guitarra eléctrica).
O concerto celebrarase o próximo sábado, 14 de xuño, ás 20,30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns e as entradas están dispoñibles de balde en Ataquilla.com