Anxo Lorenzo resalta a editorial Galaxia como “piar fundamental na transmisión e difusión da nosa lingua e cultura”
VolverO director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiu á entrega da XLIII edición dos Premios Trasalba á editorial galega e á reunión do Padroado da Fundación Otero Pedrayo
Amoeiro (Ourense), 29 de xuño de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, asistiron hoxe á entrega do Premio Trasalba, que este ano rendeu homenaxe á editorial Galaxia. No acto presentouse o libro Crear porvir. 75 anos de Editorial Galaxia, a cargo de Xesús Alonso Montero.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou a traxectoria do selo editorial que califica como “piar fundamental na transmisión, promoción e difusión da nosa lingua e cultura” e que este ano celebra 75 anos da súa fundación. Otero Pedrayo tivo unha estreita relación co proxecto, xa que o autor foi o primeiro presidente da mesma, cargo que ostentou desde 1950 ata o seu pasamento en 1976.
Previo á entrega de galardóns, o representante da Xunta participou na reunión do Padroado da Fundación Otero Pedrayo, na que se deu conta das actividades realizadas durante o último ano e os proxectos en marcha, entre os que destacan a Revista Trasalba, o campus rural ou a catalogación de obras pictóricas.