O secretario xeral da Lingua participou na entrega das distincións aos seis galardoados que se achegaron á figura das cantareiras, homenaxeadas nas Letras Galegas 2025

Valentín García agradece a contribución ao impulso do uso e prestixio do galego dos Premios de Microrrelatos de Feiraco

Volver

O certame recoñece a Ramón Domínguez, Tomás Rodríguez e Gema Rojo, na categoría adulta, e Adriana González, Adara Soto e Gabriel Capón, na xuvenil

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salienta o papel da literatura “para pór en valor e preservar a cultura popular entre a mocidade”

Anima a máis empresas a sumarse ao emprego do noso idioma, ao abeiro das vantaxes do futuro selo de recoñecemento do compromiso co seu uso

Ames (A Coruña), 4 de xullo de 2024

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na entrega de premios do XIII Certame Microrrelatos de Feiraco, onde agradeceu a implicación desta entidade na promoción e divulgación da lingua galega, “que contribúe a que sexa maior o seu uso e prestixio”.

A sede da Cooperativa Láctea Unidas, no concello coruñés de Ames, foi o escenario da entrega destes galardóns, que recoñeceron a “brillantez e calidade” de seis traballos que tiñan como obxecto achegar as xeracións máis novas á figura das cantareiras e da poesía tradicional oral, homenaxeadas nas Letras Galegas deste ano.

Deste xeito, foron distinguidos os traballos de Ramón Domínguez, Tomás Rodríguez e Gema Rojo, na categoría adulta. Mentres, na modalidade xuvenil, premiáronse as creacións literarias de Adriana González, Adara Soto e Gabriel Capón. Todos eles, alumnado do instituto Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou que iniciativas como as de Feiraco “demostran a implicación e compromiso dos sectores económicos na difusión da cultura e linguas galegas”. Neste senso, animou a máis empresas e entidades do eidos socioeconómico de Galicia á incorporación do galego nas súas estratexias, “ao abeiro das vantaxes do futuro selo de recoñecemento do compromiso de uso e boa práctica da nosa lingua”.

Obras premiadas

Ademais, Valentín García puxo en valor o papel destes certames para “incrementar o uso da nosa lingua entre a mocidade”, ao tempo que lles transmite “o valor de preservar e manter as nosas tradicións”. Precisamente, Habelas hailas, de Adriana González, é unha homenaxe ás historias transmitidas polas avoas. Pola súa banda, Adara Soto apela en Dunha pandeireta engaiolada á denuncia da violencia de xénero coa música como acubillo, mentres que Gabriel Capón, en O cazador e a presa, mergulla o lector nos rituais do rural.

Na categoría de adultos, Ramón Domínguez resultou premiado con Carmela, onde a protagonista intenta interpretar os sentimentos do seu namorado a través dos ferreños da súa pandeireta. Pola súa parte, Tomás Rodríguez, en Campo de artistas, recreou a vida dunha moza muda do Courel que logra cantar grazas a tocar a pandeireta. Por último, Gema Rojo, en A compás da Xata e Manuela, conta a historia dunha rapaza que trunfa na música cunha pandeireta elaborada coa tapa dunha pota.

Departamento: Tema: