Valentín García pon en valor as iniciativas da Xunta para “achegar o galego aos que proveñen de fóra de Galicia”

Volver

O secretario xeral da Lingua participou na inauguración do XVIII Curso de Verán da Universidade da Coruña ‘Traballando en lingua con inmigrantes‘

Carballo (A Coruña), 15 de xullo de 2025

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe no Fórum Carballo na inauguración do XVIII Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística Traballando en lingua con Inmigrantes, onde sinalou “a importancia de achegar o galego a todas as persoas e promover o seu uso entre os colectivos migrantes asentados en Galicia”.

Neste senso, puxo en valor as liñas de traballo postas en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, “xa que mantemos un firme compromiso con todas as iniciativas a prol do galego, especialmente no ámbito académico, polo seu papel clave na difusión da lingua e na posta en valor do seu contexto histórico e cultural”. Ademais, destacou que ao abeiro do Pacto pola Lingua, impulsado pola Xunta, púxose en marcha unha batería de 50 accións inmediatas entre as que se inclúen 100 cursos para persoas nacidas fóra de Galicia que, ademais do vocabulario ou gramática, afondan en aspectos esenciais culturais como as tradicións ou a historia.

O curso, que se desenvolverá durante o día de hoxe e de mañá, contará con relatorios, comunicacións, mesas redondas, obradoiros e dinámicas participativas, ademais de sesións con docentes, persoal técnico e experiencias de alumnado migrante e entidades como a Asociación Faladoiros Vigo ou a ONG Accem. Tamén se presentarán iniciativas como o Proxecto TeCoLing –tecendo comunidade coas linguas- e estratexias pedagóxicas que fomentan a diversidade e a acollida lingüística nos centros educativos.

O curso, que conta coa colaboración do Concello de Carballo e da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, reunirá a especialistas en integración, ensino e políticas lingüísticas.

Departamento: Tema: Lingua