Anxo M. Lorenzo celebra que Pontedeume volva ser Vila do Libro

Volver

O director xeral de Cultura destaca como un dos eixos centrais desta edición a conmemoración da figura de Castelao, encadrada na programación do Goberno Galego con motivo do ‘Ano Castelao’

A localidade coruñesa acollerá o festival literario entre o 22 e o 24 de agosto cun programa centrado na memoria e identidade galega

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da segunda edición de Pontedeume Vila do Libro, que se celebrará na vila coruñesa entre o 22 e o 24 de agosto cun programa centrado na memoria e identidade galega.

Así, o director xeral de Cultura, destacou a importancia de “citas culturais que teñan no centro ao libro e á lectura” como a de Pontedeume Vila do Libro, que este ano, conmemorando os 75 anos do seu falecemento, remarca a figura de Castelao, encadrada na programación do Goberno Galego con motivo do Ano Castelao.

A programación incluirá unha destacada representación da narrativa galega actual con escritores como Pedro Feijóo, Arantza Portabales, Antía Yáñez ou Emma Pedreira. A música terá un papel destacado co proxecto de Gallos del Norte, unha iniciativa de inclusión e integración social a través da música e da improvisación para persoas con diversidade funcional. A programación poética contará con Nuria Vil e Flúor significa escuridade, así como co recital As alas de serpe de Sol Mariño.

Para o público infantil, o festival ofrecerá un espectáculo musical a cargo de Silvia Penide, o obradoiro poético Tacón, punta, tacón de Anxo Iglesias, os contacontos Lola Feroz de Juan Baquero, e o taller Da árbore ao libro da editorial Cuarto de inverno.

A programación completa da cita, enmarcada dentro da campaña de verán da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Para gustos, cultura, que conta con máis de 3.400 iniciativas de 40 tipoloxías diferentes, incluirá presentacións, obradoiros, actividades familiares e propostas culturais abertas a todos os públicos e darase a coñecer nos próximos días.

Departamento: Tema: