O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, acompañado polo secretario xeral da Lingua, mantivo o seu terceiro encontro cos responsables das comisións de expertos
A Xunta recollerá propostas para actualizar o Plan xeral de normalización da lingua galega a través dunha caixa virtual
VolverComo estaba previsto, o proceso dá un novo paso habilitando a partir de mañá unha canle no Portal da Lingua para as persoas que desexen enviar as súas ideas
Na xuntanza, os 11 grupos de traballo presentaron ao coordinador desta renovación a primeira documentación obtida tras preto de 250 contactos
López Campos lembra “a vontade de escoita mantida desde o principio, implicando non só aos grupos políticos, tamén aos axentes sociais e á poboación en xeral”
Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2025
A Xunta abre á cidadanía o proceso de actualización do Plan xeral de normalización da Lingua galega, habilitando unha caixa virtual para recoller as achegas de todas aquelas persoas que desexen participar. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos nunha reunión mantida cos responsables das 11 comisións formadas para levar a cabo o proceso de renovación.
Tal e como explicou o conselleiro, que estivo acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, con esta medida “cumprimos coa folla de ruta prevista desde o inicio, cando xa avanzamos a nosa vontade de escoita e clara intención participativa, implicando non só aos grupos políticos, tamén aos axentes sociais e á poboación en xeral”. Deste xeito, calquera persoa poderá enviar, a nivel individual ou colectivo, a súa proposta a través dun formulario que estará dispoñible a partir de mañá no Portal da Lingua.
Así mesmo, durante o encontro, os grupos de traballo entregaron ao coordinador da actualización, o académico Manuel González, a primeira documentación obtida tras preto de 250 contactos con institucións, asociacións, colectivos e persoas individuais de relevancia nas distintas áreas temáticas nas que se estruturou un proceso iniciado no mes de decembro. Ao respecto, o representante da Xunta agradeceu “a dedicación e esforzo dos expertos que conforman cada un dos bloques na recollida e análise das achegas para que o coordinador conte hoxe coas primeiras conclusións”, facendo fincapé a continuación en que se está “a seguir o calendario establecido, de maneira que neste segundo semestre comezará unha segunda fase de estudo na que cobrará protagonismo a colaboración da cidadanía”.
Con este novo paso, López Campos resaltou un percorrido iniciado cos contactos coas distintas formacións políticas con representación no Parlamento de Galicia e que continuou coas conversas por parte dos membros das comisións coas principais institucións culturais da Comunidade como a Real Academia Galega da Lingua ou o Consello da Cultura Galega, entre outras, así como con outros entes como son a Nova Escola Galega, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua ou fundacións de autor, representadas neste caso polos presidentes da dedicada a Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Uxío Novoneyra. A estas entrevistas uníronselle, engadiu, os contactos realizados por cadansúa comisión con outro tipo de axentes que teñen que ver coa súa área específica.
Accións no marco do Pacto pola Lingua
A renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega é unha das accións principais do plan posto en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o Pacto pola Lingua, co obxectivo de impulsar o uso do galego, incentivar a súa presenza en moi diversos eidos e prestixialo como idioma nos diferentes sectores e espazos de convivencia da sociedade.
Con este fin xa se actuou nos pasados meses xa se activou un paquete de medidas inmediatas para actuar en moi diversos ámbitos como é o da xustiza, co desenvolvemento de cursos de formación específica en lingua e cultura galegas para os seus profesionais, ao que se lle engadiu recentemente a sinatura dun protocolo de colaboración co Colexio Notarial de Galicia e a Irmandade Xurídica para o impulso do idioma na redacción de documentos públicos. Estes cursos únense a outros enfocados no persoal da Administración ou no eido sanitario, así como os destinados ás persoas provenientes de fóra de Galicia e asentadas na Comunidade.
Outra das medidas destacadas ten que ver coa creación dun selo que recoñeza o compromiso das empresas e institucións co idioma, e que poderá terse en conta en convocatorias e procedementos públicos ou poderá servir como criterio de desempate. A isto hai que engadir outras liñas de actuación como son os avances e mellora na plataforma neofalantes.gal, o desenvolvemento de contidos audiovisuais infantís en galego a través da canle xabarín.gal ou os programas lúdicos celebrados nos centros escolares durante o curso para incentivar o uso do idioma.