O Proxecto Nós sitúa a Galicia no mapa da intelixencia artificial europea da man de Microsoft
VolverA empresa tecnolóxica colaborará co Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes para apoiar unha nova liña de investigación nesta ferramenta que busca introducir o galego na vangarda tecnolóxica
O obxectivo é desenvolver modelos fundacionais que garantan a integración da lingua galega en sistemas dixitais avanzados
Impulsado inicialmente pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, a finalidade desta iniciativa é promover a inclusión do galego no mundo dixital
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2025
O Proxecto Nós, a iniciativa impulsada inicialmente pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela para incorporar o galego ás novas linguaxes dixitais, entra nunha nova fase tras o anuncio feito pola compañía tecnolóxica Microsoft de colaborar con tres centros de investigación de referencia en España para o desenvolvemento de modelos de Intelixencia Artificial multilingüe. Así, un dos seleccionados é o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela que, xunto ao Instituto da Lingua Galega impulsou o desenvolvemento do Proxecto Nós.
Esta colaboración supón un chanzo máis na consolidación do galego no ámbito dixital e nas tecnoloxías do futuro e reforza o papel do Goberno galego no desenvolvemento dunha iniciativa que define o futuro dos modelos fundacionais da Intelixencia Artificial, contribuíndo ao progreso tecnolóxico cunha proposta construída en galego, desde Galicia e con proxección internacional.
Nado en 2020, o Proxecto Nós é unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia, encomendada á Universidade de Santiago de Compostela a través do CiTIUS e o Instituto da Lingua Galega co obxectivo de garantir a presenza do galego no entorno dixital do século XXI. O proxecto foi clave na creación de infraestruturas lingüísticas de base: desde corpus abertos e bancos de datos ata ferramentas de tradución automática, síntese e recoñecemento de voz. En 2023, o equipo presentou Carballo, o primeiro modelo lingüístico de gran escala adestrado integramente en galego.
O Proxecto Nós tivo continuidade en iniciativas como ILENIA (Impulso de las Lenguas en la Inteligencia Artificial) e ALIA (Artificial Linguistic Intelligence for Administration). Os recursos desenvolvidos son de libre acceso por terceiros, o que permite e facilita o desenvolvemento de produtos e servizos finais baseados na lingua galega, por parte das empresas, institucións e organizacións, tanto públicas como privadas, que así o desexen.
Este traballo a prol do galego no mundo dixital encádrase no compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ao abeiro do Pacto pola Lingua e co obxectivo de impulsar o seu uso, incentivar a súa presenza en todos os sectores da sociedade e prestixialo como idioma nos diferentes espazos de convivencia.