Valentín García destaca as competicións deportivas como puntos de dinamización do galego
VolverO secretario xeral da Lingua participou na presentación do Torneo Go!Go!Zo!3x3, no que colabora a Xunta, e que reunirá durante a fin de semana no Monte do Gozo máis de 450 persoas
Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou hoxe na presentación do Torneo Go!Go!Zo!3x3 a importancia de “apoiar iniciativas que permiten potenciar a lingua galega entre a mocidade en ámbitos de lecer saudables, como son as competicións deportivas”.
Así, o representante da Xunta lembrou que este torneo, desenvolvido no marco da quinta edición do festival que leva o mesmo nome, en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto, conta coa implicación do Goberno galego “xa que supón unha forma novidosa de conxugar a dinamización da lingua co deporte, o tempo de lecer e a nosa xuventude”. De feito, resaltou a capacidade de convocatoria do acontecemento, no que participarán máis de 450 persoas durante esta fin de semana no Monte do Gozo.
Valentín García tamén sinalou que a colaboración da Xunta neste tipo de programación encádrase na campaña Para gustos, cultura, que desde xuño impulsou máis de 3.400 accións en máis de 200 concellos, abranguendo moi diversas propostas co obxectivo de chegar a todos os públicos e intereses.
Ademais do propio campionato de baloncesto, as dúas xornadas contarán con outras actividades de lecer familiar desde as 10,00 horas ata as 21,00 horas, con xogos e distintas propostas entre as que se atopan accións a prol do uso do galego entre a mocidade. Ademais, o evento terá tamén carácter benéfico, desenvolvendo varios sorteos de camisolas deportivas e unha comida solidaria en favor da Fundación Andrea.