O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude inaugurou a xornada formativa para os técnicos dos concellos adheridos á Rede de Dinamización que darán estas aulas

A Xunta impartiralles cursos de lingua e cultura galegas a máis de 1.500 persoas estranxeiras ata final de ano

Volver

López Campos destaca que xa están en marcha os impulsados en colaboración con Cáritas, aos que sumarán nas vindeiras semanas os que se desenvolverán a través de Cruz Vermella  e concellos sumando máis dun cento

O representante do Goberno galego salienta que forman parte das 50 medidas inmediatas aplicadas este ano para favorecer un maior emprego do noso idioma

Pon en valor as accións para “prestixiar e atraer” a xente cara ao galego, “especialmente as dirixidas ao alto número de persoas provenientes do exterior”

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2025

A Xunta está xa a ofrecerlles cursos de lingua e cultura galegas as persoas non nadas en Galicia “co obxecto de que, ao remate do ano, sexan máis dun cento os impartidos e uns 1.500 os participantes nestas clases”. Así o deu a coñecer hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na inauguración da xornada preparatoria para os técnicos que impartirán esta formación en 28 concellos adheridos á Rede de Dinamización da Lingua.

“Estamos a cumprir coa palabra dada”, aseverou o representante do Goberno galego en relación a esta medida, da que lembrou que é unha das 50 actuacións inmediatas comprometidas para desenvolverse ao longo deste ano “co obxecto de impulsar un maior emprego da nosa lingua en distintos ámbitos da poboación e en todos os contextos da sociedade”.

Acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, o conselleiro avanzou que “xa nesta mesma semana” comezarán as clases nalgúns destes 28 municipios “co obxecto de que, de aquí ata o final de ano, estean todos estes cursos impartidos”. Tal e como explicou, levaranse a cabo nos municipios coruñeses de Abegondo, Ames, Arzúa, Boiro, Coruña, Ferrol, Melide, Ordes, Cerceda, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia, Trazo, Pobra do Caramiñal, Ponteceso, Ribeira e Teo; nos pontevedreses de Baiona, Estrada, Ponteareas e Redondela; e nos ourensáns de Barbadás, O Barco de Valdeorras e O Carballiño.

O máximo responsable da área de Lingua da Xunta explicou que estes cursos se suman aos 46 que se están a impartir, en colaboración con Cáritas, desde o pasado mes de xuño. A esta formación, hai que engadirlle os 25 que se ofertarán a través de Cruz Vermella e outras clases de galego que se darán desde o Centro de formación do ámbito sanitario. Deste xeito, e segundo precisou, rematarase 2025 cun cento de cursos dirixidos a persoas non nadas en Galicia. Todos eles serán de carácter presencial “co fin de achegar a nosa lingua e cultura galegas a unhas 1.500 persoas non nadas na nosa Comunidade”.

O conselleiro puxo en valor a importancia destes cursos para “dar maior pulo ao emprego do noso idioma ante o incremento en 115.000 persoas provenientes de fóra da Comunidade nos últimos cinco anos”. Deste xeito, incidiu en que o desafío, neste intre, pasa por “prestixiar e atraer a xente cara ao noso idioma, especialmente as provenientes do exterior. 

Enorme potencial que supón a poboación de fóra de Galicia 

Precisamente, o máximo responsable de Lingua precisou que no plan de medio cento de medidas para impulsar o uso de galego neste 2025 faise especial fincapé no “enorme potencial” que supón unha maior chegada á Comunidade de poboación de fóra de Galicia. Deste xeito, considerou “claves” estes cursos de lingua e culturas galegas dirixidos a estes novos galegos e galegas.

López Campos explicou, para a posta en marcha destes cursos, primeiramente a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude púxose en contacto con asociacións e entidades que traballan coa comunidades dos distintos países de procedencia destes colectivos para “artellar unha formación á medida das súas singularidades”. 

Ao respecto, apuntou que isto supuxo a creación de materiais didácticos, o desenvolvemento de cursos formativos, como os de hoxe en Santiago de Compostela, ou a colaboración con diferentes organismos e departamentos do Goberno galego, como é a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a de Política Social e Igualdade ou a de Emprego, Comercio e Emigración para o contacto cos colectivos de diferentes países que están a vivir en Galicia.

Entre este paquete de medidas inmediatas tamén se atopan aquelas formativas dirixidas a outros colectivos como é o da xustiza, co desenvolvemento de cursos de formación específica en lingua e cultura galegas para os seus profesionais ou co impulso do idioma na redacción de documentos públicos, a posta en marcha de iniciativas encamiñadas a favorecer o neofalantismo ou as diferentes colaboracións para dinamizar o uso do galego nos eidos como o comercio ou ensino.

 

 

Departamento: Tema: Cultura, Lingua