López Campos anuncia que a Xunta celebrará os primeiros exames Celga en liña no mes de novembro

Volver

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude salienta que Galicia será a primeira comunidade con lingua cooficial en pór en marcha estas probas de xeito telemático

Destaca os esforzos do Goberno galego para atraer ao noso idioma as persoas que non tiveron o galego como lingua nai, sobre todo entre as 115.000 chegadas de fóra

Pon en valor que xa se están ofrecendo cursos a estranxeiros co obxecto de que sexan máis dun cento os impartidos e 1.500 os participantes cando remate o ano

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2025

A Xunta de Galicia celebrará no mes de novembro os primeiros cen exames en liña das probas Celga do nivel 4 que acreditan o dominio do galego. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha interpelación no Pleno do Parlamento de Galicia.

Deste xeito, o máximo responsable de Lingua do Goberno galego salientou que Galicia será “pioneira” con esta iniciativa, ao converterse na primeira Comunidade das que contan con idioma cooficial en implantar este tipo de probas de maneira telemática. A pretensión, segundo avanzou, é facilitar que “calquera persoa desde calquera recanto do mundo poida avaliar as súas competencias en lingua galega e obter unha titulación oficial”.

Ao respecto, fixo fincapé na importancia destes estes exames, que ata o de agora só se podían realizar presencialmente, por ser unha ferramenta “máis que útil para afianzar o interese pola aprendizaxe do galego, apostando pola formación”, tendo en conta que Galicia recibiu nos últimos cinco anos máis de 115.000 persoas chegadas de fóra da Comunidade.

Cen cursos para 1.500 persoas estranxeiras

Neste senso, López Campos destacou os “continuados esforzos” do Executivo autonómico de cara a potenciar a presenza do galego na sociedade con novas oportunidades para certificar as competencias neste idioma, “sobre todo entre as persoas que non a tiveron como lingua nai”.

Precisamente, lembrou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xa está a ofrecerlles cursos de lingua e cultura galegas ás persoas non nadas en Galicia “co obxecto de que, ao remate deste mesmo ano, sexan máis dun cento os impartidos e unhas 1.500 os participantes nestas clases”. Para esta formación partillada por toda a Comunidade, precisou que se conta cos 28 concellos adheridos á Rede de Dinamización da Lingua e coa colaboración de Cáritas e Cruz Vermella.

Departamento: Tema: