Valentín García destaca o papel da lingua como ponte entre culturas no Día Europeo das Linguas

Volver

O secretario xeral de Lingua remarca “a necesidade de preservar e fomentar a rica diversidade cultural e lingúística europea”

O proxecto neofalantes.gal, o ‘Proxecto Nós’ ou a campaña ‘Saca a lingua que levas dentro’ son algunhas das medidas que a Xunta ten en marcha para impulsar o uso do galego en distintos ámbitos da poboación

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2025

O secretario xeral de Lingua, Valentín García, destacou hoxe “o papel da lingua como ponte entre culturas e a necesidade de preservar e fomentar a rica diversidade cultural e lingüística de Europa”. Fíxoo hoxe no acto institucional pola celebración do Día Europeo das Linguas, que incluíu un recitado multilingüe de poemas a cargo de alumnado de Secundaria e de Bacharelato.

García remarcou a importancia de celebrar “citas que nos recorden a importancia da aprendizaxe das linguas co obxectivo de incrementar o plurilingüismo e a comunicación intercultural”. Neste senso, destacou as medidas que a Xunta ten en marcha para impulsar o uso do galego en distintos ámbitos da poboación e en todos os contextos da sociedade. En concreto, fixo especial fincapé naquelas que van procurar tirar o máximo proveito do fenómeno do neofalantismo. 

Ao respecto, apuntou a creación e mantemento de espazos de lecer que funcionen como un repositorio de contidos musicais e audiovisuais en galego ou a continuidade do proxecto neofalantes.gal, en marcha coa Universidade de Santiago de Compostela. Coa fin de que o galego estea presente entre as tecnoloxías e espazos dixitais nos que se move a mocidade, continuarase traballando no Proxecto Nós para impulsar o galego no ámbito da Intelixencia Artificial, e tamén se crearán novos produtos tecnolóxicos pensados para o público infantil e xuvenil. 

Cómpre destacar, neste senso, que a Xunta de Galicia ten en marcha a campaña Saca a lingua que levas dentro, con difusión a través de diversos medios e en distintos ámbitos, que marcou o comezo dunha serie de accións que se están a desenvolver desde finais do ano pasado, como son distintos cursos de galego para sectores concretos, contidos en plataformas dixitais ou actividades de lecer nos centros escolares.

Departamento: Tema: