A Xunta imparte portugués nun centenar de centros con 6.300 estudantes, un 40% máis que en 2023

Volver

O secretario xeral da Lingua deu conta en comisión parlamentaria das accións desenvolvidas nos últimos meses ao abeiro da Lei Paz Andrade

A este alumnado súmanse as máis de 1.000 persoas matriculadas nas Escolas Oficiais de Idiomas, chegando a cifra a máis de 7.000 persoas

Valentín García destaca que na actualización do Plan de normalización se fai fincapé “en facerlle ver á mocidade os beneficios da proximidade entre as dúas linguas, que nos permite conectar con 260 millóns de falantes”

Doutra banda, lembra outros fitos como o avance do Observatorio da Lusofonía, a cátedra Carvalho Calero ou o lectorado creado en Mozambique

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2025

A Xunta de Galicia imparte materias de lingua portuguesa nun centenar de centros con máis de 6.300 alumnos matriculados, o que supón 2.550 máis que hai dous anos e un incremento do 40%. Así o anunciou hoxe o secretario xeral da Lingua, Valentín García, na Comisión 4ª do Parlamento de Galicia, onde deu conta das liñas de actuación do Goberno autonómico no 2025 ao abeiro da coñecida Lei Paz Andrade para o aproveitamento dos vínculos coa lusofonía.

Neste senso, durante a súa intervención, o representante da Xunta fixo fincapé no compromiso do Goberno autonómico “con afianzar esta conexión cultural, especialmente entre a mocidade, facéndolles ver os beneficios da proximidade entre as dúas linguas e a grande vantaxe que supón utilizalas para abrirnos ao mundo a través dos países de fala portuguesa”. Deste xeito, lembrou que “a lingua galega, ademais de ser un valor cultural e identitario, tamén nos conecta cunha comunidade de máis de 260 millóns de persoas que teñen como idioma o portugués”.

Ao respecto, Valentín García debullou algúns datos, indicando que do total de estudantes de portugués en Galicia, máis de 4.900 cursan Secundaria, máis de 1.000 están matriculados en Bacharelato e outros 300 en ciclos de Formación Profesional. A estes hai que sumarlle, puntualizou, as 1.068 persoas que estudan nas Escolas Oficiais de Idiomas. Ademais, fixo fincapé no “significativo incremento de centros educativos que ofrecen esta formación neste curso, pasando de 69 a 100, o que dá conta tanto da aposta da Xunta por estes estudos como do interese do alumnado”.

Aínda no eido educativo, e salientando “o intercambio linguístico e cultural que mantemos a través dos departamentos creados en universidades de países lusófonos”, o representante autonómico da Lingua lembrou a recente creación dun lectorado de galego vencellado ao Centro de Estudos Galegos da Universidade de Mozambique, puntualizando que se trata do “primeiro no continente africano”. Esta proposta súmase ás que xa ofrecen institucións académicas de Brasil e Portugal, ademais dos proxectos de desenvolvemento e cooperación en Guinea Bissau, Cabo Verde e Angola.

Así mesmo, Valentín García fixo referencia na súa intervención á posta en marcha da Cátedra Institucional Carvalho Calero na Universidade de Santiago de Compostela, unha das catro que naceron froito dun convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o Parlamento de Galicia e a institución educativa. Neste senso, destacou a importancia de centrarse “na figura e pensamento dun representante sobranceiro da cultura galeguista contemporánea, tan próximo á lusofonía, o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC, e que vai ser un punto de encontro para o achegamento entre as dúas linguas”.

Renovación do Plan xeral de normalización

Neste contexto, Valentín García resaltou a aposta que desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude “se está a facer pola proxección exterior do galego no marco da renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega”. Destacou deste xeito que é a primeira vez que se pon o foco na lusofonía no marco deste plan, xa que na súa primeira redacción en 2004 non figuraba este apartado.

Así, puntualizou que este é un dos grandes piares nos que se artella este proceso de actualización, que se centra precisamente nunha das súas mesas de traballo en tirar proveito dos vínculos co portugués para “promover e poñer en valor o idioma e os beneficios de saber galego a nivel internacional”.

Creación do Observatorio da Lusofonía

En cumprimento coa Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa, a Xunta de Galicia puxo en marcha o Observatorio da Lusofonía, un órgano integrado polas entidades galegas máis relevantes creado co fin de asesorar, identificar roles, fomentar  e impulsar medidas vencelladas coa lusofonía.

Tal e como lembrou o responsable de Lingua, o órgano tivo a súa sesión inaugural en novembro do ano pasado e continuou avanzando coa súa segunda sesión plenaria en abril deste 2025 “coa total implicación do Goberno galego para garantir as funcións e obxectivos cos que naceu”.

Así, neste encontro levouse a cabo a aprobación do regulamento de funcionamento interno e da constitución de tres comisións de traballo: a de Interior, para a análise da situación da lingua portuguesa en Galicia, a de Proxección Exterior baseada na presenza da lingua galega nos territorios de fala portuguesa, e a de Proxección Institucional

Departamento: Tema: Lingua