A Xunta abre o prazo para a participación dos centros educativos no concurso das Letras galegas 2026

Volver

Trátase dunha convocatoria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

O certame propón a elaboración dunha exposición que afonde na obra, na época e na situación sociolingüística de Begoña Caamaño, a homenaxeada o ano que vén

A data límite para a presentación dos traballos, que se dividen en dúas categorías, é o 23 de xaneiro do vindeiro ano

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2025

 A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional colaboran unha edición máis no concurso para elaborar unha exposición sobre o Día das Letras Galegas. Trátase dunha iniciativa dirixida aos centros de ensino público non universitario que xirará ao redor da figura de Begoña Caamaño, a homenaxeada no 2026, e que convida ao alumnado a elaborar unha mostra centrada na creación, a época e a situación sociolingüística da etapa na que viviu a escritora e xornalista.

Con esta convocatoria, o Goberno autonómico pretende que os escolares afonden na importancia da súa obra desde unha perspectiva interdisciplinaria, de maneira que a biografía da autora sirva de base para analizar a súa realidade e o seu contexto. Deste xeito, os obxectivos dos traballos enfócanse tanto en potenciar o estudo do legado e da época de Begoña Caamaño, como en propiciar unha reflexión e valoración das contribucións individuais e colectivas á dignificación e normalización da lingua galega desta etapa histórica.

Ademais, a Xunta impulsa desta maneira actividades que favorezan a colaboración entre os departamentos e a implicación activa do alumnado e do profesorado, á vez que se enriquece a oferta de materiais didácticos existentes en lingua galega e se promove a súa divulgación como referentes para outros centros.

O certame establece dúas categorías: unha para educación infantil e primaria e outra que abrangue a secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial. Neste senso, os grupos participantes sumarán á experiencia persoal un premio económico de 2.000€ por categoría.

O prazo de presentación dos traballos finaliza o 23 de xaneiro do 2026 e as bases do concurso poden consultarse no Portal da Lingua.

Departamento: Tema: Lingua, Educación