López Campos salienta o compromiso da Xunta no incremento do emprego do galego no eido da xustiza
VolverSantiago de Compostela, 7 de outubro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou hoxe o “firme compromiso do Goberno galego co impulso do uso e prestixio da lingua en toda a sociedade, e nomeadamente, no eido da xustiza”. Fíxoo durante a presentación do libro de Carlos Lema, no que o xurista afonda nos novos retos de carácter lexislativo da publicidade.
Neste senso, o representante do Executivo galego apuntou que, ao abeiro do Pacto pola Lingua, xa están funcionando iniciativas para fomentar e prestixiar o uso do idioma na xustiza. Ao respecto, López Campos lembrou o convenio asinado co fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, para a posta en marcha de cursos de formación específica en lingua e cultura galegas para persoal deste sector profesional, ao que se sumou a recente sinatura dun protocolo de colaboración co Colexio Notarial de Galicia e a Irmandade Xurídica co obxecto de impulsar o idioma na redacción de documentos públicos. Finalmente, reiterou que a Xunta garantirá que o novo sistema de xestión procesual que vai implantar o Ministerio de Xustiza, e que ten por nome Atenea, estea dispoñible tanto en galego como en castelán.