Valentín García destaca os cursos da Casa de Galicia en Madrid como “exemplo do impulso do galego no exterior”
VolverO secretario xeral da Lingua entrega os diplomas ao alumnado que superou o ano pasado esta formación na institución madrileña e presenta as novas clases
Durante o acto, lembra que na actualidade hai máis de 4.400 estudantes da lingua fóra da Comunidade
Tamén apunta que entre as Casas de Galicia, os Centros Galegos e os Institutos Cervantes expandidos por diversas partes do mundo suman 950 alumnos
Resalta “a importancia de apoiar estas iniciativas que favorecen o coñecemento do idioma complementando outras ensinanzas de carácter académico”
Madrid, 16 de outubro de 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou hoxe na Casa de Galicia de Madrid os cursos que ofrece a entidade no período 2025-2026 destacándoa “como exemplo de institución involucrada no impulso da lingua máis alá do noso territorio” e lembrando que “actualmente hai máis de 4.400 estudantes de galego fóra da Comunidade, mostra do noso compromiso coa súa proxección exterior”.
Así, durante o acto, no que tamén se entregaron os diplomas ao alumnado que superou os distintos niveis no curso pasado, o representante da Xunta fixo fincapé na “importancia de apoiar as iniciativas das Casas de Galicia, Centros Galegos e outras entidades espalladas polo mundo, como o Instituto Cervantes” que neste 2025 reúnen, tal e como apuntou, “un total de 950 persoas nos programas de formación na lingua, dando conta do seu peso á hora de conservar, impulsar e prestixiar o idioma tanto entre as comunidades de galegos como entre as persoas interesadas en achegarse a el”.
Ademais, Valentín García felicitou a institución madrileña “que dá un paso máis ofertando un novo nivel “ dos seus cursos de lingua e cultura galegas, chegando a tres programas, ademais de acoller novamente, puntualizou, no vindeiro mes de novembro as probas Celga, de acreditación das competencias en galego, nos niveis 1, 2 e 3.
Cunha media de 50 estudantes, centros como o de Madrid, explicou o responsable de Lingua, “favorecen o coñecemento do idioma complementando outras formacións de carácter académico, como os lectorados postos en marcha a través dos Centros de Estudos Galegos vencellados a 41 universidades de todo o mundo”. Neste senso, lembrou que ao abeiro destes estudos, reciben clases de lingua galega máis de 1.400 persoas.
Desde o Bierzo ata Bos Aires e Londres
No contexto da aprendizaxe da lingua fóra de Galicia, Valentín García tamén sinalou algúns “puntos especialmente estratéxicos” onde se mantén vivo tanto o idioma como a cultura galega. Referiuse así dunha banda á iniciativa do Goberno leonés, apoiada pola Xunta ao abeiro dun protocolo de colaboración asinado en 2006 para potenciar os estudos de galego, de carácter voluntario, na ensinanza non universitaria no Bierzo e en Sanabria. Esta formación nestas zonas limítrofes con Galicia e máis outras áreas da Comunidade veciña contan cada ano con máis estudantes, chegando aos 1.500, en centros de Educación Infantil e Primaria, Institutos de Secundaria e unha Escola de Idiomas.
Doutra banda, mencionou o Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires, onde 500 alumnos afrontan varias das súas materias en lingua galega. López Campos lembrou que se trata dun recoñecido centro educativo que conseguiu hai uns meses converterse en Centro de Convenio, dependente do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, unha categoría que o Goberno central levaba 15 anos sen outorgar. A este hai que engadir o Instituto Vicente Cañada Blanch de Londres, onde a matrícula en lingua galega superou por primeira vez as 50 persoas, acadando as 75.